La Voz de Galicia

Un documental de Mad Med Filmanova centrarase no legado da Cidade dos Muchachos

Ourense

O proxecto recibirá unha subvención da Consellería de Cultura de 47.796 euros 

01 Aug 2016. Actualizado a las 05:00 h.

O proxecto desenvolvido polo desaparecido Padre Silva en Benposta, en Seixalbo, segue suscitando interese e recoñecemento logo de anos sen actividade e xa cunha realidade que semella non ter volta atrás: cunha parte da propiedade en mans da Xunta, outra xa como patrimonio dunha empresa de transportes e con algunha que outra reclamación e reivindicación pendente.

A historia e o legado de Benposta, o crego Jesús Silva e o circo da Cidade dos Muchachos convertiranse agora en materia de documental da man da produtora galega Mad Mex Filmanova, empresa creada no 2014 dentro do grupo Filmanova -liderado por Antón Reixa-.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) diu a coñecer hai uns días o reparto de preto de dous millóns de euros destinados á produción de 16 novas películas galegas. No apartado referido a documentais e curtametraxes, a comisión avaliadora dos proxectos acordou conceder unha axuda de 47.796 euros para a realización do documental Nación de muchachos, proposta presentada por Mad Mex Filmanova. O traballo será desenvolvido polo realizador Javier Camino e segundo a recente resolución de Agadic, a cantidade a recibir dividirase en tres anualidades: 4.779 euros para o presente exercicio, no 2017 o proxecto contará con 28.677 euros e no 2018 recibirá os 14.338 restantes.

 


Comentar