Mouriño achega ao OUFF o universo creativo do fotógrafo Manuel Vilariño
Ourense
O documental do carballiñés dá protagonismo ás persoas «que traballan coa luz»
01 Nov 2016. Actualizado a las 05:00 h.
Pasou un cuarto de século dende que o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) poñía en marcha un proxecto emblemático. Baixo a dirección do seu responsábel de Fotografía, o desaparecido José Luis Cabo, en 1991 creouse a exposición Bestias Involuntarias, unha mostra coas imaxes de Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) que daba conta do traballo dun dos artistas galegos que contaba xa daquela cun importante recoñecemento dentro do panorama cultural do Estado. Fotógrafo e poeta, Vilariño desenvolveu dende entón iniciativas que lle serviron para acadar prestixio internacional e premios como o Nacional de Fotografía (2007) ou o encargo de representar a España coa súa obra na Bienal de Venecia.
O novo proxecto do cineasta José Manuel Mouriño (proxéctase hoxe no Principal, ás 20.00 horas) achega ao espectador o proceso creativo e o universo do fotógrafo. Mouriño creou un documental ensaístico que tivo como punto de arranque a mostra Tectónica, que se pudo ver no CGAC de Compostela no 2014. Aquela iniciativa foi comisariada por Alberto Ruiz de Samaniego -co que Mouriño xa tiña colaborado na Fundación Luis Seoane e que participa como guionista- e na mesma xa se amosaron filmacións co artista. Mouriño tiña en marcha o proxecto documental «e a colaboración en Tectónica serviu para darlle o rumbo definitivo á proposta e á estrutura principal arredor do seu quefacer artístico», segundo sinala.
O cineasta carballiñés define o seu documental, Manuel Vilariño. Ser luz, como «unha proposta de aproximación á obra dun fotógrafo moi relevante no panorama da arte contemporánea española e internacional actual, pero tamén a través doutra serie de aproximacións», en palabras de Mouriño. Para trazar ese perfil de Vilariño o cineasta optou por crear «unha especie de círculos concéntricos arredor da súa figura, referidos a outra serie de persoas que traballan coa luz, que a fin de contas é como se pode definir o traballo dun fotógrafo». Un fareiro, un proxeccionista de cine, dous equipos de investigación científica, traballadores do observatorio astronómico de Forcarei e un ferreiro figuran na obra.
No «extremo do documental», como di Mouriño, está a figura de Valente. O artista Vilariño coñeceu ao escritor, tratouno en vida e tivo unha relación estreita de amizade con el. O cineasta carballiñés incide na influenza que Valente tivo na figura e na obra do fotógrafo. Non aborda a faceta do artista como poeta: «Iso desviaría a atención, ademais de dar para outro documental».