La Voz de Galicia

Estudar si, pero sen amargarse

Ourense

mar gil ourense / la voz

A organización do tempo, clave para compaxinar vida social e académica

29 Nov 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Óscar Fernández Alonso é un deses rapaces 10 que de cando en vez saen nas páxinas dos xornais porque acadan premios e recoñecementos. El, Brais Gerpe e Óscar Ocampo acaban de clasificarse entre os vinte mellores alumnos galegos de Ensino Secundario Obrigatorio. Son os ourensáns dunha lista na que o futuro académico brilla con intensidade.

Malia o premio que comparten, os tres mozos ourensáns coinciden na mesma medida que diverxen. Firmeza, inseguridade, métodos e inclinacións combínanse en distinto grao, pero nos tres casos hai un denominador común: esforzo e compromiso co estudo.

Brais Gerpe Vila ten, coma os seus colegas de premio, 16 anos. A súa media dos catro cursos de ESO é de 10. Así de redondo. Alumno do instituto Otero Pedrayo, gustaríalle facer Medicina para especializarse en Neuroloxía ou, talvez, un dobre grao de Física e Matemáticas, «sobre todo para investigación».

Ademais de sacar deces en todas as materias, Brais adestra a baloncesto catro días por semana, os venres queda cun club de amigos para xogar ao xadrez na Casa da Xuventude e dedícalle dous días á semana a preparar as probas da Olimpíada de Matemáticas. E aínda lle queda tempo para comer, durmir e ata saír algunha tarde.

«Hai que aproveitar o tempo o máximo posible e concentrarte ao máximo -lanza como receita-. Cada un ten que buscar como se sente máis cómodo e como lle resulta máis fácil estudar; eu non teño ningún método especial, depende da materia».

Considérase bo compañeiro e asegura que só lle chaman chapón esporadicamente e en broma. Pensa que as actividades extraescolares «veñen ben porque é un tempo que desconectas dos estudos» e non se preocupa polas etiquetas: «Se son de altas capacidades? Non teño nin idea e, a verdade, dáme igual».

A Brais, como a Óscar Fernández e Óscar Ocampo, inquiétalle a incerteza da Selectividade/Reválida, aínda que confía no colchón dos que hoxe cursan 2º bacharelato. A súa experiencia será clave para os que, como eles, aínda teñen dous cursos por diante para a Universidade.

Óscar Fernández semella un clon académico de Brais Gerpe. Cursa 1º de Bacharelato no colexio Carmelitas e tamén aspira a ser médico -no seu caso, anestesista- ou a titularse en Física e Matemáticas.

Tamén ten un expediente de luxo -9,7 de media en ESO- e unha xornada completa despois das clases. Un día normal chega á casa sobre as 3 da tarde. «Como, vexo a tele ou ando co móbil un pouco -explica-; despois fago os deberes, despois vou á Escola de Idiomas a 3º básico de chino ou a unha academia a inglés. Outros días fago deporte -vou ao ximnasio ou correr- e, ao volver, fago algúns apuntes, esquemas, estudo... E, se non me dá tempo, na fin de semana, aparte de saír, intento levalo todo».

«Hai que estudar -sentenza-, pero sen amargarse. A angustia e o estudante sempre estiveron da man e no bacharelato hai moita presión porque é o teu futuro pero, en realidade, hai tempo para todo. Hai que saber medir».

A Óscar Ocampo pésalle a inseguridade. Tamén pensa en Medicina ou Bioloxía, pero escolleu un abano amplo de materias «para que a elección en bacharelato non me limite, ese é o temor».

«É como unha recompensa, como unha subida de ego aínda que non quero que se me suba á cabeza», asegura respecto ao premio da Xunta.

Malia o seu 9,9 de media, este alumno do instituto Blanco Amor non se sente exemplo de nada «porque sempre me angustio moito; chega un exame e empezo a tremer e ter as mans conxeladas... O que pasa é que lle dedico moitas horas, necesito moito tempo para levar as cousas como a min me gustaría levalas».

Brais Gerpe. Cursa, coma os seus compañeiros, 1º de Bacharelato. Obtivo un 10 nos catro anos de ESO no Otero Pedrayo

Óscar Ocampo. Alumno do Blanco Amor. A media, 9,9

Óscar Fernández. Estuda en Carmelitas. Ten unha media de 9,7


Comentar