La Voz de Galicia

A ganadora do Carracedo reivindica o talento xornalístico que hai en Galicia

Ourense

miguel ascón Ourense

Nuria López defendeu a recuperación do patrimonio espoliado pola familia Franco

04 May 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Ademais dos 3.000 euros e do diploma, Nuria López Presedo levou unha medalla de recordo por ganar o premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo. Entregoulla o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, logo de escoitar o discurso da galardoada. Ela explicara que, cando lles contou aos fillos sobre o premio, un deles quedou decepcionado ao saber que non levaría unha medalla ou un trofeo.

Foi un momento emotivo nun acto que tamén foi reivindicativo. López Presedo lamentou os efectos da crise na profesión e recordou aos compañeiros que perderon o seu traballo. Temos, segundo dixo, «moito talento desperdiciado na casa». Pediu, ademais, «poñer fin á precariedade». Por outro lado, dixo que o galardón supón unha satisfacción persoal polo recoñecemento que supón para o seu traballo, pero tamén porque, dalgún modo, a premiada é a radio, excluída con frecuencia destas distincións.

Nuria López Presedo, que ten 42 anos e é da Coruña, é xornalista na Radio Galega. Aí é onde se emitiu a serie de reportaxes pola que foi merecedora do Carracedo. Nelas afonda nos bens espoliados pola familia Franco en Galicia e ela dixo sentirse especialmente satisfeita polo galardón tendo en conta que abordaba un tema «controvertido», o da recuperación da memoria histórica. López Presedo dixo que, se o Carracedo serve polo menos para que os medios de comunicación dediquen «un par de minutos ou un par de parágrafos» a este asunto, xa valeu para algo.

A elección, segundo explicou Manuel Doval, deputado da área de Cultura no goberno provincial, non foi sinxela para o xurado. Recibíronse moitos traballos e de moito nivel. O presidente da Deputación, José Manuel Baltar, clausurou o acto destacando que concretamente o da premiada «aporta e constrúe». Ademais, tendo en conta que onte era a celebración do Día internacional da liberdade de prensa, o máximo responsable da institución provincial fixo un repaso polos retos que enfronta o sector en todo o planeta e sinalou que hai un «retroceso» na liberdade de prensa en España, «especialmente en Cataluña polo conflito político», engadiu.

 

Recordo a Xosé Aurelio

No acto, como xa é habitual, estivo presente Clara Carracedo, irmá de Xosé Aurelio Carracedo, que agradeceu que un ano máis a Deputación ourensá siga adiante coa organización do premio que homenaxea ao xornalista de La Voz de Galicia. Previamente intervira o deputado responsable da área de Cultura, Manuel Doval, que garantiu a continuidade do galardón nos próximos anos e que lembrou a figura do xornalista que lle dá nome como a dun profesional «responsable e crítico».

Tamén falou del a galardoada, que, aínda que non o coñeceu -faleceu en 1988 e, entón, ela era unha nena- documentouse. Era, entre outras cousas, «un xornalista de raza», dixo a ganadora deste ano. Nuria López Presedo súmase, deste modo, a unha longa lista de Carracedos. A de onte foi a edición número 28 deste galardón xornalístico.


Comentar