A fala secreta dos ambulantes
Ourense
Santiago Bonay recompilou 1.600 verbas do barallete, a xerga que falaban os afiadores ourensáns
05 Apr 2019. Actualizado a las 14:15 h.
Non é a primeira publicación sobre o barallete, pero si recolle os derradeiros vocábulos achegados por sobreviventes do concello de Nogueira de Ramuín que coñecían este argot utilizado polos homes que se dedicaban aos oficios ambulantes. O barallete. O secreto mellor gardado é a obra recompilatoria que fixo Santiago Bonay, técnico de cultura en Nogueira de Ramuín, e que acaba de publicar o Concello en colaboración coa Deputación. «Bebín de fontes como Xosé Ramón E. Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey), de quen se publicou en 1987 un facsímile de Santa Marta de Moreiras, un libro de cor verde que todos temos e que reunía uns 900 termos, e engadín as achegas. Neste libro hai máis de 1.600 voces, proporcionadas por todas as persoas que estudaron este tema. Desde o Concello o que quixemos é que volvera a haber un modesto libriño para o gran público», precisa o autor. Quen queira afondar nos aspectos lingüísticos ten o tratado de Jorge Rodrigues Gomes ou de Xosé Antón Fidalgo Santamariña no eido antropolóxico, cita Bonay.
E, que era o barallete? «Isto é a fala dos ambulantes ourensáns. En Galicia hai oito xergas de oficios ou gremios específicos, pero esta ten a peculiaridade de que a utilizaban varios: os afiadores, os paraugueiros, os tratantes de ouro e prata ou quincalleiros», matiza Bonay. Así pois, non era só a fala dos afiadores, aínda que esta figura sexa o elemento etnográfico máis senlleiro da provincia de Ourense e máis concretamente das terras do norte provincial, da chaira, precisa o autor.
Son 1.600 vocábulos. Non están todos os que eran, pero Santiago Bonay conseguiu achegar 36 acepcións novas que non apareceran nos anteriores traballos, e que lle foron transmitidas oralmente por algún dos últimos afiadores ou coñecedores da xerga. Por exemplo, comenta que Antonio Asenjo deulle unhas 25 palabras. É a media que poden lembrar os que estiveron en contacto coa xerga por motivos profesionais ou familiares. Porque desde os anos oitenta xa non se fala, ao iren desaparecendo tamén eses oficios, e por tanto foise esquecendo. Tamén hai que dar coa persoa que canalice as expresións, indica o autor. Pon o exemplo, dunha canción de Luar na Lubre -grupo co que colaborou Bonay facendo algunha representación coa roda de afiar, sen ir máis lonxe onte, na actuación diante dos expertos nacionais en patrimonio reunidos en Santo Estevo-, Os tafenos da gaurra, do seu disco Ribeira Sacra. «Teñen unha canción en barallete na que sae a palabra romica, que era ovella, e que nós non tiñamos recollida», incide. E tamén hai variacións sobre algunha mesma palabra que poden deberse a alteracións fonéticas ou malas transcricións, polo que Bonay recoñece que, se cadra, o número de termos sen repeticións deixaría un dicionario dunhas 1.400 voces. O autor comezou a oír esta fala ao casar en 1986 cunha moza de Nogueira de Ramuín, en cuxa casa vivían profesionais da ambulancia. O barallete era un criptolecto ou lingua secreta. De aí a segunda parte do título do libro, porque aos falantes da xerga non lles gustaba nada que transcenderan os significados dos seus vocábulos fóra do seu grupo e, se acontecía, deixaban de usalos, di o autor.
Desde hai dez anos, Santiago Bonay é técnico de cultura do Concello e a recuperación da figura do afiador foi parte do seu traballo. Fixo intervencións nas rúas de Compostela ou en colexios coa roda de afiar e facendo soar o chifre ou pito do afiador, que trae lembranzas a xente maior e chama a atención dos novos. O certo é que esta nova publicación interésalle á xente, pois xa chamaron ao Concello preguntando para facerse cun exemplar.
Quen é. Santiago Bonay é un ourensán de 56 anos que traballa como técnico de cultura en Nogueira de Ramuín.
O libro. «O barallete. O segredo mellor gardado» recolle 1.600 termos ou compostos léxicos e poesías. Ilustracións de David Rodríguez Lorenzo.