La Voz de Galicia

«Un voto en Ourense a Vox ou Ciudadanos é un voto a Sánchez»

Ourense

miguel ascón Ourense Candidata do PP ao Congreso

Vázquez di que o PP é o único partido que está facendo propostas máis alá do problema catalán

26 Apr 2019. Actualizado a las 08:12 h.

Pese a que ten una ampla experiencia parlamentar -foi deputada na sétima, oitava, novena, décima e duodécima lexislaturas-, esta é a primeira vez que Ana Belén Vázquez (Bande, 1975) encabeza a candidatura do PP en Ourense. «Se queremos un presidente que non teña peaxes cos terroristas nin con independentistas, temos que elixir a Pablo Casado», di a cabeza de lista popular, amiga e colaboradora do actual presidente do partido.

-¿Gústalle o rumbo que tomou o PP con el á fronte?

-Si, a verdade é que estamos sendo o único partido que estamos a facer propostas máis alá do problema catalán, sobre a revolución fiscal, o reto demográfico, a ocupación ilegal de vivendas o tema laboral... E, ademais, estamos facendo a campaña tamén en clave de Ourense e de Galicia.

-¿Está cómoda coa posición de Casado respecto do Estado das autonomías e o freo á transferencia de competencias?

-Iso non vai recollido no programa electoral. Si que propuxo que a competencia que tiña transferida Cataluña de prisións revertera outra vez ao Estado. Eu reuninme fai uns días cos funcionarios de prisións e eles mesmos tamén o pedían. É un cachondeo o que están facendo nas prisións de Cataluña cos golpistas.

-¿E co resto das competencias, como as que ten pendentes Galicia?

-Pois mira, estando Pablo Casado de presidente, o PP foi o que pediu a competencia da transferencia da AP-9. Hai outras competencias que loxicamente si se van reivindicar, pero hai algunhas que deben formar parte básica do Estado.

-¿E que opina sobre a «lei de linguas» que propón?

-Neste caso, por exemplo en Galicia para a sanidade xa non é obrigatorio saber galego; simplemente tes unha puntuación a maiores. En cambio, en Baleares ou en Cataluña si que é obrigatorio. Nós queremos aos mellores especialistas, e máis agora que hai escaseza de médicos. Non podemos pecharlle a porta a un pediatra porque non saiba galego e iso é o que están facendo noutros sitios de España.

-¿Ten algún reparo en compartir Goberno con Vox?

-As cousas que estou escoitando de Vox danme medo e gustaríame que o apoio sexa o mínimo posible. Non é un partido que me guste.

-¿É ultradereita?

-Eu simplemente digo que me dá medo o que escoito. Eles dicían que nos quería dar pistolas e eu avogo porque nos dean máis medios para a Garda Civil e para a Policía Nacional. Eu non quero pistolas, pero tampouco quero falar das cunetas, nin de Franco... Os extremos nunca me gustaron; eu sempre fun de centro.

-Por iso insiste no voto útil.

-Nós sabemos que hai un cabreo con Sánchez pero el pode ser o beneficiado en 19 provincias moi concretas onde pode levar un deputado máis polos votos que poden ir parar a Vox e a Ciudadanos. Por iso estamos apelando ao voto unido porque un voto en Ourense a Ciudadanos ou Vox é un voto para Sánchez.

-Critica moito ao PSOE polo retraso das infraestruturas, pero o PP gobernou moitos anos e tampouco se executaron, ¿non si?

-O PP chegou ao Goberno no 2011 e viñamos dun Executivo do PSOE que incluso falaba mal das infraestruturas para Galicia, con aquela famosa frase de Magdalena Álvarez, por exemplo. Tivo que chegar o Goberno de Mariano Rajoy para impulsar as obras do AVE a pesar das dificultades económicas. Hoxe xa non hai quen pare esas obras e o que temos é que puxar para que nos fagan a variante exterior, unha estación de mercancías no polígono, as autovías A-56 e A-76 ou a variante norte, que nos deixaban con cero euros nos orzamentos de Pedro Sánchez.

-¿Tratou mal o Goberno de Sánchez á provincia?

-Si. É tal o pasotismo que ten cara a provincia de Ourense que o outro día descubriu a auga quente. Eu escoitei o seu discurso enteiro e só fixo referencia a Ourense para dicir que eles fixeron máis nos últimos nove meses que o PP... «E vexo que tedes ganas de comer, ‘‘buen provecho’’». Eu estaba escoitando porque tiñamos un mitin á tarde e contaba con que falara do AVE, de infraestruturas, algo... Pero nada.

-O PP fala de reducir impostos. ¿Non significará iso reducir tamén os servizos públicos?

-Non, reducir impostos significa que a xente teña máis cartos no bolsillo e que o empresario teña máis cartos para poder seguir investindo, co cal, esta baixada de impostos vai xerar unha recadación de 16.800 millóns de euros e unha creación de máis de 400.000 postos de traballo. O PSOE quere recadar rápido, subindo o imposto ao diésel ou dicindo que temos que pagar por usar as autovías.

-Estanlle recordando moito en redes aquilo dos «softpapers» e outras polémicas. Din que non está vostede preparada...

-Cando te metes nas redes xa sabes o que hai, pero a min non me van coartar a liberdade de expresión nin me van amedrentar para que me vaia de Twitter como están facendo outros candidatos. A min chéganme ás veces mensaxes privadas que serían incluso denunciables, pero non me van asustar. Eu quero unha España en liberdade, sen insultos ou ameazas.


Comentar