La Voz de Galicia

O escritor Méndez Ferrín: «A Xeración Nós axudou a educar ao país»

Ourense

María Doallo Ourense escritor
Méndez Ferrín, na conferencia en Ourense

O intelectual ourensán inaugurou o ciclo de conferencias de Galicia, de Nós a nós

24 Mar 2021. Actualizado a las 16:05 h.

Di o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín que a labor da Xeración Nós foi «maxistral». «Educounos a todos. E a algúns, maiores coma eu, de forma especial porque fomos alumnos directos de Otero Pedrayo, de Risco...», explica. Sobre esa ensinanza, sobre a ideoloxía e a influencia desta xeración, falou Ferrín nunha charla impartida este martes no centro cultural Marcos Valcárcel. Con el inaugurouse o ciclo de conferencias que complementan a exposición Galicia, de Nós a nós.

-É importante divulgar o traballo e a loita da Xeración...

-Sen dúbida. Tanto a Xeración Nós coma ao grupo xeracional, as Irmandades da Fala. Educaron ao país e situaron a Galicia, de tal forma que a raíz deles comezamos a ter unha identidade propia, con carácter de rexión. No mesmo Estatuto de Autonomía, dentro da Constitución española, Galicia figura como nacionalidade histórica. E iso é grazas a xeración de principios do XX, a grande, a que nos conformou como o que somos hoxe en día.

-Esa faceta ideolóxica e política tamén estivo presente na súa conferencia.

-Quixen falar do legado, do traballo literario, pero tamén do pensamento. Facer fincapé en que nos ensinou a estar sempre nos movementos de investigación e de vangarda, literarios e artísticos, pero tamén científicos. Foron moi esixentes cultural e intelectualmente, algo que se necesitaba na época.

-Di que bebe directamente dos membros de Nós. Cre que son importantes actividades coma estas para achegala todo o posible ás novas xeracións?

-Penso que moito. A través dos libros destes autores e de iniciativas como estas, que lle dan visibilidade, ponse en valor e tráese á actualidade a labor de Nós, e os máis novos teñen constancia da importancia do que fixeron.

-Que lle parece a mostra «Galicia, de Nós a nós»?

-A exposición é fundamental. Leva a conectarnos cos obxectos, cas fotografías, películas daquel momento, pintura e demais documentación. Non é o mesmo falar das cousas que telas diante. Na mostra evócase fielmente a época e fainos pensar. Ten un relato, como se di hoxe en día, magnífico e foi concibida dunha maneira excelente polos comisarios Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardín.


Comentar