Prado Rúa ou o variado contido da «youtubeira»
Ourense
Unha canle na que topar desde coidado do cabelo ata literatura
21 Apr 2021. Actualizado a las 09:03 h.
Prado Rúa é a canle de YouTube que necesitas. E coma isto, moito máis.
O contido que a ourensá María Rúa sube ás redes sociais é complexo de concretar pero sinxelo de definir. «Son unha persoa á que lle gusta facer moitas cousas e a miña canle reflícteme ben. E como o galego é a miña lingua materna, fágoo en galego». Prado Rúa é unha das «youtubeiras» que están a aparecer na Rede nos últimos anos, coa vontade de xerar todo tipo de contidos e coa característica de facelo en galego, aínda que, asegura «definilo só como contido en galego non axuda moito a normalizar a lingua».
Rúa tamén está activa en Twitter e TikTok. Nunha das súas últimas pezas para esta rede social, bromea cunha realidade que, como outros tantos rapaces, viviu: a diglosia, ou que é o mesmo, a situación de convivencia na que entre dúas linguas se da unha clara relación de dominancia. «Cando era pequena na escola sentíame se cadra algo empurrada a falar en castelán, cos mestres e así. A partir do instituto, unha vez estudei e tomei conciencia, xa galegofalante e moi forte nese aspecto. Recordo estudar o que era a diglosia e sentirme moi identificada», explica.
Agora, realidades como esa especie de comunidade de creadores galegos da que Prado Rúa forma parte, ou o chamado «Galitwitter», serve en moitos casos de apoio para os neofalantes: «O uso da lingua nas redes sociais é fundamental, porque é onde estamos a xente nova». Esencial contra a perda de falantes e para xente como Prado Rúa, que desde a súa fiestra á rede, tanto fan polo galego.