Mariña Arbor, filóloga: «O legado da poesía galego-portuguesa vai servir para dinamizar o territorio»
Ourense
A profesora ourensá da USC coordinou un proxecto europeo sobre a lírica medieval
25 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Hai un legado cultural e patrimonial que pode servir para dinamizar o espazo territorial menos poboado e que require accións de dinamización. Ao mesmo tempo compre desenvolver iniciativas que tamén espallen esa riqueza histórica que, na grande maioría dos casos, mesmo é descoñecida polos propios veciños das zonas onde se xerou e ten as súas raiceiras. Con estas premisas, e o seu coñecemento da materia, a profesora da USC Mariña Arbor Aldea (San Facundo, Cea, 1973), coordinou un proxecto europeo centrado na poesía galego portuguesa. Unhas das iniciativas do mesmo foi a publicación Transitando polas vías da lírica hispánica. A ruta dos trobadores, que propón un percorrido entre Oseira e Melgaço da man de tres destes autores.
—Como nace o proxecto?
—Foi unha idea que se me ocorreu cando estaba cunha estadía posdoutoral en Italia. En Florencia teñen, entre outras, a ruta de Dante e mesmo hai cidades que aproveitan ese mesmo esquema con literatura contemporánea. Temos, entre outros, os casos de Barcelona con Ruiz Zafón ou Estocolmo con Larsson, o autor da saga de Millennium.
—E vostede apostou pola lírica medieval galego-portuguesa?
—É un grande legado que temos aí e que se axeitaba perfectamente a un proxecto para espallar esa riqueza histórica e cultural. A idea principal era centrarse en algo que coñecía moi ben, como a cultura dos trobadores e a poesía galego-portuguesa da Idade Media; dos séculos XII-XIII.
—Por que escolleu a zona que aparece na publicación?
—Nos últimos anos, dende finais dos 90 para aquí, temos avanzado bastante no coñecemento dos trobadores, en base a investigacións en arquivos, publicacións e demais e o círculo territorial da zona de Oseira, os ríos Bubal e Asma, do outro lado do Barbantiño e nas terras de Castela contamos cunha ampla presenza de autores e recursos patrimoniais e aproveitamos o eixe entre Oseira e Melgaço para facer o traballo.
—Cal é a proposta de «A ruta dos trobadores»?
—Fai un percorrido, en dúas etapas, entre estes dous puntos. Escollemos a tres autores para guiala: Fernán Páez de Tamallancos, Pero Meogo e Joan Soarez Somesso. A primeira parte cubre o trazado entre Oseira e San Clodio (Leiro) e a segunda vai de Ribadavia a Melgaço. Seleccionamos textos deles, fixemos un amplo traballo de campo -e cubríronse as rutas para controlar os tempos- e o libro é como unha guía de viaxes na que podes facer estas etapas, coñecer a obra destes autores e gozar de todo o que hai no trazado polo que pasas: dende o patrimonio -con todo ese grande legado de románico existente ao longo do camiño- a zonas de interese a visitar, espazos para descansar ou durmir e lugares onde xantar, entre outros contidos.
—As referencias ofrecen unha alternativa aos que dedican facer o percorrido?
—De sobra. Contamos cun grande patrimonio e temos espazos ou elementos destacados vencellados ao que propoñemos por terras de Oseira, o Barbantiño, Coles, Vilamarín, Amoeiro, o mosteiro de Palmés, A Peroxa, Boborás, a comarca do Carballiño, Leiro, Ribadavia, as terras da fronteira, Fiães, Melgaço, Monçao, Valença... É unha alternativa ao turismo ao uso e temos que aproveitar estes recursos para potenciar as zonas menos poboados. O legado da poesía galego-portuguesa vai servir para dinamizar o territorio.
—A lírica da idade media vai seguir aportando materiais?
—Sen dúbida. Temos un grande, rico e moi interesante patrimonio histórico e queda moito por coñecer e investigar. Contamos en Galicia con 1.680 cantigas profanas, vinte textos anónimos e 153 trobadores ou xograres coñecidos. Outros non o son e mesmo dos que máis sabemos, Martín Codax por exemplo, descoñecemos de onde eran con exactitude.
Unha labrega de Cea que goza coas viaxes e que se meteu a filóloga
Mariña Arbor Aldea é profesora de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. Gradouse na USC e foi premio extraordinario de licenciatura, premio extraordinario de doutorado e tamén recoñecida co Dámaso Alonso en Investigación Filolóxica. Como especialista na literatura medieval, con particular atención á lírica profana galego-portuguesa, ten publicado traballos de investigación sobre o Cancioneiro de Ajuda ou o Pergamiño Vindel e foi unha das voces relevantes da mostra Tesouros ocultos: os manuscritos máis valiosos de Europa, que se amosou en marzo do 2016 en A Coruña. Naquela altura escribiu o texto sobre o pergamiño Vindel para achegar esta obra ao gran público e pronunciou a conferencia O enigma desvelado: o Pergamiño Vindel.
—Sempre se cita como labrega.
—Son unha labrega metida a filóloga. Sempre fun unha labrega e niso me ocupaba antes de marchar a estudar e cando volvía a casa. Cando rematei a carreira sabía que non me quería dedicar ao ensino nun instituto e logo de facer algunha substitución tiven claro que volvería a ser labrega ou apostaba pola miña paixón polos textos manuscritos. E sigo sendo labrega porque vivo nunha casa con horta.
—Tamén volve ás referencias á figura do seu pai.
—Tiven a sorte de ser disléxica e non sabía escribir, mais si ler. Estaba sempre co meu pai, na casa, e el era o que me ensinaba. Con 5 ou 6 anos levoume a ver o mar e os avións. Era o concepto da inmensidade, para que soubera onde podía chegar e que os meus sonos e os meus esforzos serían quen de levarme a onde quixera.
—Daquela se lle pregunto por algunha afección vaime dicir que ler?
—Iso sempre. Para min e un auténtico pracer. E viaxar, moito e sempre que se poda. Grazas aos estudos e investigacións teño pasado por Italia, Francia, Alemaña, Austria, Hungría, os países nórdicos, Cracovia e moitos outros lugares. As viaxes e os encontros con outras culturas sempre che aportan unha bagaxe e novos puntos de vista impagables.
«Un libro de fotografía recolle as imaxes do percorrido da ruta dos trobadores»
A profesora da USC lembra sempre que o proxecto desenvolvido é unha iniciativa da eurorrexión, na que se implicaron moitas institucións, universidades e centros e que ten un marcado carácter multidisciplinar.
—Incide sempre no volume da iniciativa e a complexidade do desenvolvemento do mesmo.
—Os proxectos europeos teñen un percorrido complexo pola súa burocracia e sempre tardas anos en desenvolvelos. Neste caso lideramos nós dende a USC pero foron moitas as entidades implicadas no mesmo, dende a Universidade de Porto ao CIXTEC de Compostela -o Centro Informático- e tes que loitar coa xestión burocrática, contratacións e demais, que é algo que non fas na vida cotiá.
—Ten falado en varias ocasións da súa sorpresa pola aposta da UE.
—Para esta iniciativa vencellada con Galicia e Portugal déronnos 170.000 euros, que é unha cantidade moi importante para un proxecto de ciencias humanas.
—Que contidos que se desenvolveron?
—Foi un proxecto multidisciplinar con participación de filólogos, historiadores, informáticos, técnicos da facultade de Ciencias da Comunicación e músicos, ente outros. A publicación era algo que non estaba contemplado orixinariamente. En principio fíxose unha aplicación, tamén un documental, promovéronse concertos en espazos vencellados a este patrimonio e Carlos Núñez actuou en lugares de Ourense e o norte de Portugal, e máis cousas. E outra publicación que incide na proposta do anterior volume.
—En que consiste?
—Vai lavar cabelos na fontana fría. As orixes da lírica hispánica, que toma o título do texto dunha cantiga de Pero Meogo, é un libro de imaxes. Encargámoslle a un fotógrafo que fixera o mesmo percorrido da publicación dos trobadores para que o reflectise cos ollos dos tempos actuais.