A diversidade de temas e xéneros vence na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia
Ourense
As imaxes da MIT 2021
«Déjà vu» e «Cris, pequeña valiente» foron as gañadoras do Premio do Público
26 Jul 2021. Actualizado a las 20:00 h.
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) botou o peche esta fin de semana despois de dez xornadas do mellor teatro galego, estatal e europeo. Este luns, a organización do evento —que acadou a súa triséximo séptima edición— anunciou o resultado das votacións dos asistentes ás obras. Déjà vu, da compañía catalana Manolo Alcántara, e Cris, pequeña valiente, da andaluza El espejo negro, foron as obras gañadoras dos Premios do Público da MIT 2021.
A primeira delas foi a última representación da mostra, un traballo —«artesán e delicado», aseguran desde a organización— que fala da distancia entre unha persoa e os seus soños. Por outra banda, Cris pequeña valiente, é unha función de monicreques que conta a historia dunha nena de quen pensaron, ao nacer, que era un neno.
Ambas vitorias, sumadas aos segundo e terceiro posto —Los que hablan de Teatro del Barrio e Bailar agora de Traspediante— confirman que o público deste festival, que fixo acadar o cheo en todas as representacións, valora moi positivamente a diversidade, tanto de temas e xéneros como na súa propia esencia.
«A MIT seguirá sendo ese festival popular e reflexivo onde recalar por un tempo prolongado para vivir unha experiencia concentrada de innovación e apertura, fronte aos individualismos e a insolidariedade». Con estas verbas por parte da organización remata unha MIT que tornará no 2022 tentando traer consigo a diversidade da mellor escena.