Unha cita telemática coa RAG para falar do topónimo do Barco
Ourense
A conferencia emitirase a partir das 15.40 horas na canle de Youtube da Real Academia Galega
22 Nov 2021. Actualizado a las 14:24 h.
A campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, coordinada pola Real Academia Galega coa colaboración da Xunta, chega este luns ao Barco de Valdeorras. Será nunha sesión telemática que se emitirá, a partir das 15.40 horas dende a canle de Youtube da RAG e o portal Toponimia de Galicia. Os alumnos e profesores do IES Lauro Olmo e do IES Martaguisela e mais as persoas que se acheguen ao Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras poderán seguir a conferencia en directo. O público aprenderá a orixe e o significado de distintos nomes de lugar deste concello ourensán.
Ata o momento, no Barco xa foron recuperados máis de 200 microtopónimos grazas ao labor de varios colaboradores, como o profesor Xabier Roo e o técnico municipal de cultura Gustavo Docampo. O coordinador da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, procurará na charla, entre a rapazada e as persoas adultas, novas e novos gardiáns que sigan a incrementar os nomes de leiras, fontes, devesas ou veigas do concello incorporados a este espazo concibido para preservar un patrimonio cultural inmaterial de valor incalculable.
A charla continuará coa parte dedicada á orixe e o significado de distintos topónimos, que conta coa colaboración do académico electo Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo, e que comezará polo propio nome do concello. O primeiro dos elementos que forman parte del, barco, levou ao imaxinario popular a crear diferentes lendas sobre a existencia dalgunha embarcación desde a época romana na beira do río Sil. As dúbidas quedarán resoltas ao rematar a ponencia.