Aldraxes
Ourense
03 Feb 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Podería falar do tema da semana, a aldraxe ás Tanxugueiras. Que a min tamén me molestou esa votación tan estraña do xurado, pero tampouco me parece o asunto como para chegar ao Congreso, máis que nada porque penso que hai moitos outros temas máis urxente que levar que non vaian as nosas a un concurso que, ¿alguén ve a estas alturas? Mola que o peten cantando en galego, na que sen dúbida é a mellor campaña lingüística feita en Galicia desde o Xabarín Club. E está claro que fai falta, que só hai que ver o pouco galego que se fala na rúa e as competencias que teñen moitos estudantes ao acabar o Bacharelato... Porque queremos que os nosos fillos falen inglés, pero despois pasamos de que poidan entenderse coa avoa. Tamén podería falar da aldraxe que lle están facendo a Chanel, con esas mensaxes de odio. ¿Que a súa letra non me representa? Por suposto que non. ¿Que foi un tongo? Algo cheira, tamén é certo. Pero de aí a linchala... En fin, que somos moi de indignarnos cunha canción pero despois recórtannos dereitos ou salario e calamos coma petos. Así que vou falar da outra palabra da semana: cancro. Mañá é o seu día para os que temos a fortuna de mirala de lonxe (aínda que noutros tempos nos tocara preto), pero é a palabra do día a día para os milleiros de pacientes que están á espera de confirmar un diagnóstico, ou a punto de entrar en quirófano, ou no medio dun tratamento... É a palabra que chega para ocupalo todo, na vida do paciente e das súas familias. A aldraxe é que falten recursos para diagnose, para investigación, para ensaios clínicos... Para case todo. Iso si que era para levar ao Congreso.