La Voz de Galicia

Nuno Pico, cantante de Grande Amore: «No escenario é onde mellor o paso na vida»

Ourense

María Doallo Ourense
Nuno Pico, cantante, compositor y creador de Grande Amore

O compositor lucense tocará dentro do festival Musgo este sábado ás 20.30 no café Auriense

04 Nov 2022. Actualizado a las 15:16 h.

O lucense Nuno Pico ten 27 anos, estudos ata quinto de Grado Profesional en guitarra clásica e moito sentido do humor. Logo de levar tempo facendo o que máis lle gusta dentro do grupo Oh! Ayatollah decidiu crear pola súa banda Grande Amore a finais do 2018. Catro anos e unha pandemia despois, co premio Martín Códax 2022 na categoría de electrónica baixo o brazo, Grande Amore vén a Ourense para tocar no marco do festival Musgo, nunha xira que está achegando a súa música por media España. Fai uns días, Nuno interpretaba temas tan seus coma Esta pena que a veces teño na sala Siroco de Madrid. O sábado soarán no Auriense a partir das 20.30 horas nun concerto para o que esgotou as entradas en apenas tempo. Convence porque Nuno teno moi claro: «Facendo cancións e sobre todo enriba do escenario é onde mellor o paso na vida». E iso é o que transmite. Outras opcións, como Garza, Lagoon ou Akazie, son parte das propostas de música electrónica que Musgo moverá dende o venres por distintos escenarios da cidade de Ourense.

—Como xurdiu Grande Amore?

—Empecei a facer temas na casa sen ningún tipo de intención e un día decidinme a gravalos. Púxenlle o nome de Grande Amore por sacalos baixo un título, sen máis, e foi todo moi espontáneo.

—E canta xente pensou que era un grupo italiano antes de escoitalo?

—Seguro que moita (risas). De feito teño unha anécdota cun grupo que este ano foi a Eurovisión por Italia, Il Volo, que ten un tema que se chama Grande amore, e entón non sei que pasou que empezou a seguirme moitísima xente en Instagram; persoas de Polonia e de todas partes. Síntoo por eses seguidores, cando se deron de conta da confusión o que pensarían.

—Como describiría o tipo de música que fai?

—É unha pregunta moi difícil. Oxalá a soubera contestar con certeza. Eu, baseándome nas críticas do disco —que saíu no 2021 co nome Grande Amore— diría que ten un toque postpunk ou música industrial. Ten un pouco diso. É electrónica, feita con caixas de ritmos e programas de ordenador, pero con moito do que máis escoito que é rock. De feito, o grupo da miña vida é seguramente Los Suaves, pero claro, non creo que ninguén escoite o que fago e lle recorde a eles, pero mira, están aí e intento transmitilo dalgunha maneira. Coma en todo, unha cousa é a pretensión que teñas e outra o resultado. Intento facer música parecida á que me gusta pero no formato electrónico porque é no que mellor me manexo.

—Veu ao Ouren Sound Fest esta primavera. Agora sóbese ao escenario do Auriense. É a súa primeira vez alí?

—Non, tocamos no 2017 con Oh! Ayatollah e encantounos a experiencia. Tiña ganas de repetila.

—Cheo total. O «underground» está de moda, Grande Amore move masas ou o Auriense é moi pequeno?

—(Moitas risas) A ver, penso que teño que dicir que a realidade é que o Auriense é pequeno. Faime moita graza e prodúceme moita tenrura cando moita xente dende fóra, que che ten cariño pero non está moi metido no roio da música e dos locais, me escribe por estas cousas. Fai uns días escribiume un amigo de Burela flipando porque vira que esgotara as entradas en Ourense. El imaxina a 80.000 persoas coreando os meus temas, ansiosas por verme nesta cidade e está orgulloso. E faime moi feliz que os meus colegas sintan iso e tamén encher o Auriense eh? Teño que dicir a verdade. A miña música é rara, e que lle chegue á xente é un honor, alégrame moitísimo.

—Vén de rodar por toda España, de feito, acaba de petalo na sala Siroco de Madrid, unha das máis emblemáticas da música en directo no país. E todo sen saírse do galego. Como se consegue?

—Penso que a día de hoxe a música en galego ten un certo prestixio do cal eu me estou a beneficiar. Quero dicir que fai uns anos, facendo proxectos boísimos igual, non tería pasado. Artistas como Tanxugueiras, Baiuca, Ortiga... están chegando a todas partes. E ao final penso que a música e un arte que consiste en conectar, e se consegues iso, ao final o idioma é o de menos. Ata fai pouco non tiña nin idea de que dicía a xente que me cambiou a vida musicalmente, como Los Ramones.

—Acaba de sacar o tema A vida co grupo The Rapants, unha colaboración que se suma ás que xa ten con Ortiga ou con Mundo Prestigio. Para cando nova música propia?

—Estou traballando nela, rematando bastantes cousas do disco novo e penso que na primeira metade do ano que vén vai estar seguro.

—Grande Amore creceu no último mes coa incorporación de Mariagrep?

—Levaba todo ano dándolle voltas a idea de incorporar a un dj aos directos, porque é algo que da moita liberdade e enriquece a posta en escena. Ela forma parte das Cool Nenas DJ e púxoo todo moi fácil. É das mellores decisións que tomei no proxecto. Cando non pode María, vén outra amiga, Clara, que ten o «dj set» Llegamos Tarde. Son un apoio enorme


Comentar