La Voz de Galicia

Xurxo Carreño: «A obra 'Sin datos no hay paraíso' está concebida co formato dun espazo televisivo»

Ourense

x. m. r.
Xurxo Carreño, no centro, cando iniciou o Camiño na ponte vella de Ourense nunha iniciativa do Xacobeo

O ourensán chega ao Auditorio da cidade co proxecto no que participa xunto a El Cejas, Car de Lorenzo

29 Dec 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Ao Auditorio de Ourense chega este venres (20.30 horas)unha proposta creada ao redor de catro persoas cunha grande presenza nas redes sociais que apostaron por un proxecto diferente: subir ao escenario para protagonizar un espectáculo de comedia en vivo. Eles son El Cejas, Xurxo Carreño, Car de Lorenzo e Animalize 21 e entre os catro suman máis de 19 millóns de seguidores nas redes. Cada un deles son referencia en Youtube, Instagram e Tiktok e agora comparten escenario en «Sin datos no hay paraíso». Sobre a obra que se pode ver este venres no Auditorio fala Xurxo Carreño (Ourense, 1991).

—Que os levou a xuntarse para crear a montaxe?

—Ningún dos catro tiña experiencia nisto. No meu caso foi dende a produtora Etiqueta Negra que me propuxeron facer algo en teatro, logo dunha charla que din en Vigo. Rexeitei a oferta porque non me vía enriba dun escenario. Facer algo cara a cara só non é o meu.

—E como rematou na obra?

—Pasado o tempo retomamos o contacto e daquela foi cando me dixeron que tiñan a idea de xuntar a catro prescritores para facer algo en teatro. Ningún de nós tiña experiencia e iso, xunto ao de ser catro, xa me foi convencendo.

—E como resulta ese programa de televisión?

—A montaxe está concebida co formato dun espazo televisivo. Daquela El Cejas é o que ten o seu propio programa —en plan como se fose «La Resistencia» ou o de Buenafuente— e nós somos os que imos alí de convidados a facer os nosos monólogos, presentar os nosos vídeos, cancións ou o que sexa.

—E funciona?

—Si. Está tendo moi boa acollida nunha franxa de idade importante. Ao mellor algún dos meus compañeiros ten un público de menos idade e a min séguenme persoas de 20 anos, 30 ou maiores. Daquela atópaste con xente moi nova e ao mellor pais que veñen con eles e se achegan despois do espectáculo, que saímos a falar co público, e recoñecen que só viñan a acompañar ao fillo porque non nos coñecían pero que lles gustou e que se ían moi satisfeitos co que acababan de ver.

—Dende cando están en cartel?

—Estreamos en abril. Baixouse o ritmo en verán, polos compromisos de cada un de nós, e agora volvemos a ter xa moitas datas pechadas. Estivemos en Mallorca, Vigo, Madrid en varias ocasións e Bilbao.

—Cantos seguidores ten?

—En Instagram 1.790.000 e en Tiktok 2,7 millóns, segundo os últimos datos. Este ano tiven moita actividade e levo subido máis de 400 vídeos.


Comentar