La Voz de Galicia

Os Encontros Familia-Escola de O Barco tratan de abrir futuro aos alumnos que non acadan bos resultados académicos

Ourense

La Voz Ourense
Pepe Fernández, presidente da Asociación Vagalume, e Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura de O Barco

A iniciativa, que leva sen celebrarse dende o 2020, contará coas confrencias de seis expertos en distintas áreas da educación

08 Feb 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Tras tres anos sen celebrarse, o Concello de O Barco e a asociación cultural Vagalume recuperan a organización dos Encontros Familia-Escola, que nesta edición, a número vinte, levan por título Outra educación é posible. «Están dedicados a todos aqueles nenos que non acadan resultados brillantes academicamente, que non sacan boas notas; para demostrarlles que poden ter un futuro prometedor agardándolles e, sobre todos, que son persoas importantes para moita xente, familiares, mestres e amigos. Son nenos que necesitan apoio, confianza e seguridade para cumprir os seus soños porque quizá levamos anos ensinando que só hai un futuro posible e iso non é verdade», explica Pepe Fernández, presidente de Vagalume. 

Os encontros estarán compostos por seis conferencias, do 27 de febreiro ao 25 de maio, de expertos en distintas áreas educativas. «Levamos dende o 2020 sen facelos e a xente está desexosa por participar. De feito sabemos que virán de varios puntos de Valdeorras e do Bierzo», afirma Fernández, que na presentación estivo acompañado pola concelleira de Cultura de O Barco, Margarida Pizcueta.

O Teatro Lauro Olmo acollerá todas as ponencias que serán sempre ás 19.30 horas. A primeira terá lugar o día 27 deste mes a cargo de Luz Rello, fundadora de Change Dyslexia e autora de varios libros relacionados con este trastorno. A súa conferencia titúlase Os soños non se len, fanse realidade. O día 14 de marzo tocaralle a Jesús Guillén, profesor e divulgador experto en neurociencia, que falará sobre As funcións executivas do cerebro, claves do éxito. O día 28 estará no Barco o escritor de Invisible, Eloy Moreno, unha novela que trata o tema do acoso escolar, polo que a súa ponencia está especialmente dirixida aos adolescentes da comarca. 

O 20 de abril, o investigador no campo da xenética e neurociencia David Bueno falará sobre O Cerebro adolescente. Descubre como funciona para entendelo e acompañalo. Tras el, o 9 de maio chegará a psicóloga Begoña Ibarrola, que repite nos encontros. Experta internacional en musicoterapia, intelixencia emocional e neurodidáctica abordará o tema de Como potenciar a resiliencia, confianza, creatividade e empatía. Pechará o ciclo José Antonio Fernández, o día 25 de maio, referente na ensinanza das matemáticas, cunha charla titulada Ensinar dende o cerebro do que aprende.


Comentar