La Voz de Galicia

¡Veña, todos a trotar e a bailar!

Ourense

cándida andaluz ourense / la voz

Los troteiros recorrieron las aldeas de Bande

Troteiros, felos ou cabreiros visitaron as aldeas dos seus municipios

03 Feb 2024. Actualizado a las 19:51 h.

Este sábado foi o entroido máis enxebre. O das aldeas e dos pobos. Daqueles que foxen das aglomeracións, das disco móbil e das comparsas e que viven a festa dende a tradición. E os entroideiros non se esquecen deles. Troteiros, felos ou cabreiros recorre ron o seus municipios buscando o aplauso, os sorrisos e, por que non, un bo licor café. Pero tamén estrearon traxes ou os desempoaron e practicaron a marcha antes dos días grandes do entroido.

Ás nove da mañá, un grupo de troteiros de Bande colleu o microbús de camiño á serra. Menos dunha vintena —onte fallaron uns poucos— tomaron camiño a Rubiás. Foi a primeira aldea á que chegaron en tempo. Porque o entroido, e menos o que se vive dentro das casas, non se mide en minutos senón en agarimos. E non se pode rexeitar unha invitación. Así bailaron, tocaron e compartiron abrazos nos trinta pobos polos que descorreu a súa marcha. Comeron bica, galletas, todo tipo de larpeiradas. E beberon tamén. Non só licor café, tamén viño, zumes e auga, porque a marcha foi longa.

Dous troteiros concentraron as miradas dos veciños: os irmáns Xes e Naia. El, con seis anos, xa é un dos que ten experiencia. Este é o terceiro ano que sae. Naia, de 3, repite. O pasado participou e quixo volver. A que estaba de estrea era a súa avoa, Elisa Feijoo. «Está é a primeira vez», dicía entre risas. Así que ela encargouse de vixiar todo o tempo ós pequenos e eles de contarlle de que ía a cousa.

Tamén saíu co traxe Noli Vázquez. Esta moza xa leva tempo recorrendo os pobos: «Son troteira de toda a vida. É un sentimento, algo que mamei dende pequeniña. Sempre o quixen ser. As máscaras recuperámolas no ano 2000 e a partir de aí saín todos os anos. Só faltei unha vez que estaba enferma».

A algo máis de cincuenta quilómetros de distancia a estampa era similar. Inda que neste caso a protagonizaron os felos de Maceda. Saíron por primeira vez neste entroido e tamén tomaron a ruta dos pobos. E dun en especial. En Carguizoi participaron no fiadeiro. Os veciños abriron as portas das súas casas á musica e á festa. Antes, probaron os traxes, xa que para poñelos necesítase axuda. Cando estiveron preparados, soaron as chocas. En Muíños, foron os cabreiros os que coa súa cabeza de cabra e o seu zurrón saudaron a todos os veciños e deron a benvida ó entroido.

En Verín, los cigarrones se concentraron en la plaza en este domingo corredoiroSanti M. Amil

Os cigarróns de Verín e as pantallas de Xinzo estréanse este domingo polas rúas das vilas

Dous vértices do triángulo máxico do entroido ourensán viven hoxe un dos días máis especiais da súa festa. Inda que ó longo da semana pasada, os veciños de Verín e Xinzo puideron ver a cigarróns e pantallas recorrer ás vilas, iso era só un ensaio. Hoxe vístense de arriba abaixo, coas súas mellores galas, xa que é a primeira saída oficial deste ano. Hoxe é o domingo corredoiro.

En Verín, ás 11.30 horas, está prevista a popular concentración de cigarróns na avenida de Castela. De aí irán ás igrexas de Os Mercedarios e parroquial para recibir ó fregueses á saída de misa. Na praza da Alameda, ás 12.30 horas, haberá unha disco móbil que precederá ó pregón, a cargo de Toño Cesteiro, afamado entroideiro da vila do Támega. A orquestra M3 pechará a xornada con senllos concertos ás sete da tarde e ás dez da noite na praza García Barbón.

Mañá sairán por primeira vez as pantallas ás rúas de Xinzo. Para animar a súa presenza haberá charangas dende o mediodía ata as nove da noite. En Cualedro tamén teñen unha cita especial este domingo. A mediodía sairán os zarramoncalleiros, as damas e galáns de Carzoá e o castrón meco de Rebordondo, que esperarán ós fregueses para que os bendigan á saída de misa. Seguidamente descubrirase a escultura da máscara típica que decora a consistorial, para anunciar que empeza a gran festa do entroido.

En Trives, ás 15.30 horas desfilarán os folións; e na Mezquita, no concello de A Merca, celebran o corredoiro do galo e a festa de San Brais.

O entroido na capital vívese hoxe en Seixalbo. É o domingo oleiro e terá lugar o pregón, no que non faltarán as personaxes tradicionais desta festa: Paquita e Nicanor. A cita será pola tarde e contará coa música da charanga Sorcha.


Comentar