La Voz de Galicia

Os máis mozos de Ourense coñecen o Estatuto de Autonomía

Ourense

La Voz Ourense

La Diputación entrega el premio Estatuto de Autonomía 2024

A Deputación recoñeceu o traballo de 45 escolares nun certame para dar valor á identidade de Galicia

07 Apr 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación de Ourense recoñeceu o traballo de 45 escolares da provincia que participaron nos premios Estatuto de Autonomía, unha convocatoria que busca dar valor á identidade de Galicia e conmemorar os 43 anos da aprobación da norma básica institucional.

O vicepresidente segundo de Deputación, César Fernández, presidiu o acto de entrega xunto ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

A undécima edición do premio, baixo o lema A defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, recibiu 436 traballos de escolares da provincia, 98 na categoría de redacción e 338 na de debuxo. O xurado (formado por Fernández, as deputadas María Teresa Barge e Elvira Lama e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar) escolleu 45 deles.

«Coñecendo o Estatuto de Autonomía estades contribuíndo a reforzar a idea de que Galicia é unha autonomía cunha identidade e unha lingua propia e cunha cultura de seu e, polo tanto, o voso traballo tamén é mostra do voso compromiso con elo», díxolles Fernández aos rapaces. Pola súa banda, Miguel Santalices puxo en valor o feito de ser «a única provincia galega que celebra a través dun acto oficial este Estatuto». Animou a participar no programa de visitas do Parlamento que teñen en marcha para achegar a cámara lexislativa á cidadanía.

Os alumnos premiados pertencen aos centros Colexio Plurilingüe Divina Pastora-Franciscanas, CPR Plurilingüe Luis Vives, CPR Plurilingüe Padre Feijóo-Zorelle, CPR Plurilingüe La Purísima, Álvarez Castro Beatriz e o CEIP de Sandiás.

O acto contou coas intervencións musicais do Coro Infantil e Xuvenil Cantiga de Ourense e a actuación do Mago Teto.


Comentar