La Voz de Galicia

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán premiará con 3.000 euros o mellor poema inédito en galego

Ourense

maría cobas O Barco
De arriba cara abaixo: Enrique Álvarez Barreiro, Margarida Pizcueta e Anxo Baranga.

O prazo de presentación de obras está aberto ata o 15 de setembro

25 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.

«Non pasaron nin quince días desde a declaración da Fundación Florencio Delgado Gurriarán de interese cultural galego e xa estamos presentando a primeira actividade», dicía a concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta, ao dar conta da convocatoria da quinta edición do premio de poesía que leva o nome do autor de Córgomo (Vilamartín). O colorido cartel é obra da ilustradora Eva Piay, natural de Rubiá.

Desde a pasada medianoite e ata o 15 de setembro está aberto o prazo para presentar as obras a concurso, que han de estar escritas en galego e ser inéditas (non vale aquelas que xa foran presentadas a outros premios nin que estean publicadas). O poema terá unha extensión mínima de 15 versos e non máis de 90. Cada autor pode presentar ata tres composición distintas. A convocatoria está aberta a toda persoa maior de 18 anos, salvo aquelas que levaron o premio nalgunha das catro edicións anteriores.

O gañador levará 3.000 euros. «É un dos premios con mellor dotación económica de Galicia», destacou pola súa banda Anxo Baranga, patrono da fundación. O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, agradeceu á Deputación que sufrague o premio, entre outras achegas que fai á propia fundación. «Está colaborando cunha cantidade importante», sinalou Barreiro, que tamén quixo poñer en valor a elección de Córgomo para presentar o premio. De feito, o acto tivo lugar a carón da casa natal de Florencio.

Hai dúas maneiras de inscribirse, enchendo o anexo das bases e enviándoo escaneado xunto co poema a fundacion@florenciodelgadogurriaran.gal ou directamente no formulario de inscrición na web florenciodelgadogurriaran.gal.


Comentar