La Voz de Galicia

O Ourense Film Festival abre o prazo para presentarse aos OUFF Game Awards

Ourense

O OUFF Game Awards celebrou o pasado ano a súa primeira edición

O certame ourensán incorporou o pasado ano a nova proposta de videoxogos

05 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O Ourense Film Festival incorporaba na edición do pasado ano unha nova actividade: os OUFF Game Awards. A proposta chegou co obxectivo de incidir na relación entre o audiovisual e os videoxogos, dando visibilidade aos proxectos que se están a desenvolver en Galicia. Agora, o OUFF vén de dar a coñecer unha nova convocatoria e o prazo para presentar as propostas a concurso rematará o vindeiro día 1 de outubro.

O coordinador da iniciativa é David Babarro e destaca que a mesma «é unha proposta que busca integrar aos videoxogos na escena audiovisual máis convencional, xa que a narrativa dun videoxogo non é inferior á de calquera película». O OUFF Game Awards buscan axudar a estudios, empresas e particulares no seu crecemento profesional e premiar a creadores de Galicia que apostan por emprender nun sector moi competitivo. Para iso creáronse catro categorías a competición: Mellor Videoxogo Galego -apartado dotado con 800 euros- , Mellor Narrativa -cun premio de 400 euros-, Mellor Arte -recoñecido con 400 euros- e Proposta máis inovadora -coa mesma dotación que os dous anteriores-.

Pode participar na convocatoria calquera persoa física ou xurídica que estea en posesión legal da obra que presente a concurso. O título debe contar, polo menos, cun integrante do equipo de creación ou de desenvolvemento galego e a proposta ten que ser xogable e estar xa publicada. As bases completas poden consultarse na páxina web do OUFF.  

 


Comentar