La Voz de Galicia

O Xurés presume de serra cun festival de música galega

Ourense

LA VOZ OURENSE
Catuxa Salom actuará no festival

As figuras do entroido da montaña farán un desfile e haberá degustación de produtos locais no Xurés Son Festival

27 Sep 2024. Actualizado a las 19:27 h.

A aldea de Grou, en Lobios, é este sábado escenario dun festival por todo o alto. O Xurés Son quere este ano volver a «presumir de serra» traendo a artistas tan reclamados como Lontreira ou Catuxa Salom. A música únese á etnografía da comarca cunha programación que mostra a cultura local. Ofrecen a posibilidade de acampada.

O festival empeza ás 16.30 horas ca mostra pedagóxica dos colexios da Baixa Limia. Haberá un espazo infantil con xogos populares a cargo do centro Xaquín Lorenzo Xocas e tamén un espectáculo circense con Simplemente Enricco. Haberá sitio para a maxia ca actuación de Henriko ás 17.30 horas.

Dende as 17.00 ata as 20.00 poderase visitar unha exposición etnográfica de Galicia con produtos locais. Seguindo cas actividades culturais, ás 18.30 horas será o pasarrúas dos entroidos do Xurés, no que participarán troteiros, follateiros, madamitos, danzantes, cabreiros ou carantoños. Estarán acompañados pola música dos Rampeiros. Ao finalizar o desfile, os danzantes de Vilameá mostrarán o seu baile.

Despois será a quenda da comida. Dende as 19.00 ata as 22.00 horas abrirase o espazo gastronómica con degustación do menú do Xurés. Contará con empanada de cachena e chourizo do Xurés, callos limiaos, xamón asado con «chimichurri» de castaña e de postre, torrada de mel do Xurés e cítricos.

Co estómago cheo poderase gozar dos concertos do festival. Actuarán Xingas da Arca, Leira, DJ Family, Catuxa Salom, DJ Manu Grou, Lontreira, DJ Family e Sustanciados, que serán os últimos ás 23.45 horas. Despois, os disc-jóckey serán os encargados de rematar o día ata que a festa aguante.


Comentar