La Voz de Galicia

Ramón Villares volve poñer a cuestión do iberismo a debate

Ourense

brais suárez porto / e. la voz
Ramón Villares, con Jorge M. Sobrado e Luís Valente de Olveira.

«O importante é que a idea siga viva», di o historiador ?

23 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A publicación en portugués de Composição Ibérica, Portugal e as Espanhas (Tinta da  China), do historiador galego Ramón Villares, foi a escusa para que o autor repasase,  na Universidade do Porto, as liñas básicas do iberismo e os seus cambios no tempo.

«O importante é que a idea siga viva», xustificou Villares a necesidade de editar este ensaio e abordar unha filosofía que está pasando por un momento doce sen apenas decatarse. Porque, «malia que o novo cadro político europeo non abolise a forza dos Estados nacionais —e mesmo os reforzase nalgúns aspectos—, neste caso tamén transformou fondamente as relacións entre os dous Estados peninsulares [...], axudando a superar o seu illamento e, evidentemente, os seus ollares receosos», explica Villares cara ao final da obra.

Entender ese pasado, cheo de receos e vivido de costas voltas, é esencial para figurarse o futuro das relacións bilaterais tras se consolidar ambas as democracias dentro da Unión Europea. Até este punto, o libro é «unha reflexión aberta e nada prescritiva sobre o iberismo, que conta os problemas dos últimos dous séculos dos Estados peninsulares, con puntos comúns», segundo resumiu Villares, que procura afrontar a cuestión con criterios intelectuais e abranguendo os eidos político e, sobre todo, cultural.

De aí que sexan constantes as referencias aos grandes pensadores das nacións ibéricas que desenvolveron esta materia: dende a lusofilia de Miguel de Unamuno ou de Joan Maragall até a hispanofilia de Oliveira Martins, Teixeira de Pascoaes ou Miguel Torga, así como as visións de Vicente Risco ou Alfonso Castelao para comprender aquel «Estado galaico-portugués» co que fantaseara Fernando Pessoa. E sen esquecer a univocidade ao respecto de José Saramago.

O lector entenderá, como os asistentes á charla do Porto, que o iberismo se torna unha constante nos momentos de debilidade e fracaso de ambos os dous Estados, especialmente, tras os seus traumas coloniais do século XIX. Baixo as unións dinásticas, distintos proxectos iberistas, o chamado «iberismo tripartido» —que artellaba a Península en tres eixos verticais— ou a actual integración europea, subxace a importancia de descubrir cales son os nexos esenciais dos pobos da Península, no canto de facer fincapé nas súas diferenzas.

Dun xeito poliédrico, e tamén ameno, calla a necesidade que Joan Maragall expresara dunha «composición ibérica, partindo dun primeiro recoñecemento de diversidade, irredutible a simple unidade, pero non a composición». Idea que acadou máis popularidade no exilio e na oposición ca no poder.

Xunto a Villares estivo un personaxe desta historia conxunta: o académico e político Luís Valente de Oliveira, que dinamizou no pasado a relación bilateral dende a CCDR do Norte de Portugal. O expresidente rexional loou o proceso de achegamento do norte de Portugal e Galicia, dende a construción das primeiras pontes até a «elevadísima» integración económica e cultural actual. «É evidente unha tensión antiga entre España e Portugal», cuxa solución se atopa «nun pluralismo político e cultural», dixo. A súa conclusión é a mesma: «O futuro do iberismo pasa pola UE».

En definitiva, é un proceso inacabado que, se callar, nunca estivo tan próximo á súa consumación práctica como cando semella estar expulsado do debate teórico. Por iso, pecha Villares, «estamos nun camiño mellor e podemos ser optimistas». A visión de Oliveira Martins de dous Estados e unha civilización non parece xa tan utópica.


Comentar