La Voz de Galicia

Estes días na Veiga fan a malla, aran con bois e fenden madeira con macheta

A Veiga

maría cobas O barco
Imaxe da pasada edición de Crianza Trevinca.

A exposición agrogandeira pon o foco nos oficios tradicionais e inclúe programación especial para cativos

19 Oct 2024. Actualizado a las 09:44 h.

A Veiga celebra esta fin de semana a cuarta edición da súa exposición agrogandeira Crianza Trevinca. E haberá vacas de diferentes razas, bois, cabalos e ovellas como en edicións anteriores, así como unha grande mostra de maquinaria agrícola. A gandería segue a ser o motor da feira que se desenvolverá durante os dous próximos días na zona do Coiñedo, mais o programa trae un lote de actividades paralelas dirixidas a toda familia no que os oficios tradicionais e os produtores artesanais terán un destacado papel.

Por momentos, achegarse ao pé do encoro servirá para ver traballos no campo e no monte que formaban parte do día a día dos nosos devanceiros, pero que hoxe son difíciles de ver en directo. Unha oportunidade para que os máis novos coñezan oficios que se cadra nin saben que existen e os maiores recorden estampas da súa infancia ou xuventude. E aí está o arado con bois que fará Mario Nogueira entre as doce e a unha de hoxe, o corte de troncos con macheta que se poderá ver ata as dúas e de novo pola tarde de catro a seis, ou a elaboración de augardente tradicional prevista para a tarde. Mañá á unha recuperarase o oficio tradicional da malla do trigo.

Concurso de xunguido de bois e cravuño de gadaña

Para os que queiran demostrar as súas habilidades no traballo de campo haberá dous concursos, un de xunguido de bois (hoxe ás cinco da tarde) e outro de cravuñar a gadaña (mañá ás doce).

O programa inclúe tamén catas de viños da D.O. Valdeorras maridados con queixos Cumbres de Trevinca (hoxe á unha) ou con marmelo de arados e mel Montañas de Trevinca (mañá ás 12.30 horas); así como unha degustación de faba loba con tenreira se sedas en tostas de pan de centeo con allo e perexil (12.30 horas) e o magosto (18.30 horas). Haberá ademais exhibicións de esculturas feitas con motoserra, de cans de pastoreo e de artesanía.

Ante o éxito de anos anteriores, ás seis da tarde haberá un espectáculo ecuestre teatral titulado Zíngaro; e ás sete atuará a charanga Támega. E pensando nos cativos, haberá una zona infantil con actividades supervisadas; así como un fotocol no que tomar unha imaxe de recordo.

A feira abrirá as súas portas hoxe ás once coa música da banda de gaitas da Veiga e non pechará ata as oito da tarde. Mañá, domingo, poderá visitarse de once a dúas e media.


Comentar