A Veiga reivindica a cultura no rural con literatura, astronomía, cine e música
A Veiga

A segunda edición do festival Al-Majisti celebrarase no centro astronómico de Trevinca
18 Mar 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Do 28 ao 30 de marzo • Todo o día • Centro Astronómico de Trevinca • A Veiga • O acceso ás actividades é de balde, con inscrición previa ao ser un aforo limitado • A Veiga acollerá a última fin de semana de marzo, entre os días 28 e 30, a segunda edición do festival Al-Majisti, unha experiencia que aposta pola cultura no rural e que o fai a través dun programa no que se darán cita propostas de literatura, astronomía —o municipio é un destino Starlight—, cine documental e música. O programa desta segunda entrega do proxecto foi presentada este luns na delegación da Xunta en Ourense polo alcalde de A Veiga, Juan Anta, e o delegado do Goberno autonómico na provincia, Manuel Pardo.
A conferencia inaugural, o 28 ás 11.30 horas, levará por título «Paisaxes do glaciarismo: Trevinca como laboratorio», e correrá a cargo do xeógrafo Valeriá Paül i Carril. De seguido presentará o libro «Guía interpretativa do glaciarismo en Trevinca». Unha hora despois Marcos Valcárcel Díaz impartirá a conferencia «As turbeiras das montañas de Trevinca: un tesouro por coñecer e recoñecer». A mañá rematará coa sesión «Quen creou o Camiño de Santiago?», a cargo de Rodrigo Costoya —ao rematar presentará e asinará exemplares de «O século do milagre»— e o pase do documental «Vía láctea» (14.30 horas). Pola noite, ás 23.30 horas, haberá unha observación astronómica —baixo o título «Entre planetas e galaxias»— guiada por Óscar Blanco Varela, do Centro Astronómico de Trevinca.
Un dos centros de interese deste ano serán os eclipses —o parcial do 2025 e os totais dos próximos— e a xornada do día 29 arrancará coa intervención de Óscar Blanco centrada na observación do eclipse solar parcial (10.35 horas). Sobre «Eclipses de sol: 2026-2027-2028: El trío ibérico» versará a conferencia de Antonio A. Pazos Garcí, director do Real Instituto y Observatorio de la Armada (13.00 horas). Antonia Varela, directora da Fundación Starlight, abrirá o programa de tarde coa sesión «El cielo robado: Recuperar la noche para el conocimiento, la cultura y el desarrollo local» (16.30 horas). Unha hora despois Almudena Bouzón falará sobre «A Orde do Temple en Galicia: Da realidade ao mito». Ás 19.00 horas presentarase o xogo da oca «De Trevinca ao fin do mundo polo Camiño das Estrelas». Ás 23.30 horas haberá observación astronómica.
Isabel San Sebastián
Na xornada de clausura haberá varios pases de «Vía láctea», un encontro literario con Vero López ás 11.00 horas sobre o seu libro «Vega e Altair, una leyenda china». Ás 12.00 horas Isabel San Sebastián impartirá a conferencia «Las campanas de Santiago llaman a los peregrinos» e presentará su libro «Las campanas de Santiago». Despois asinará exemplares da súa obra «La temeraria».