«Hai que desencorsetar o sistema»
Allariz
Alumno de Allariz, Luis Pérez comezará estudos universitarios en Madrid en setembro e defende que deixar Galicia debe ser unha opción, nunca unha obriga
27 Jul 2016. Actualizado a las 05:00 h.
Ten 18 anos que parecen 30 se se xulga pola madurez e o saber estar. Chámase Luís Pérez Álvarez, acaba de rematar bacharelato no instituto de Allariz e xa está matriculado na universidade pública madrileña Rey Juan Carlos para iniciar un dobre grao en Ciencias Políticas e Economía, as súas dúas paixóns. Na segunda tivo ocasión de medirse recentemente con outros estudantes de bacharelato de toda Galicia. Obtivo a medalla de bronce na Olimpíada Galega de Economía e superou con notable éxito a selectividade, aínda que el di que a todo hai quen gañe.
-¿Vocación definida?
-Economía e política sempre o tiven medianamente claro; gústame dende o estudo ata calquera tipo de cousa relacionada con elas. Non estou seguro aínda no que me centrarei, pero no camiño se verá cara onde nos diriximos.
-Supónchese un expediente brillante...
-Teño boas notas, pero sempre podían ser mellores. No selectivo tiven un 12,8 sobre 14 e no bacharelato a nota media foi 9,3; só en inglés non conseguín un 10; tiven un 8, pero non foi inxusto.
-¿Como foi a experiencia da olimpíada?
-Cando te reúnes con tanta xente de Galicia e despois de España, ves a calidade que hai e toda a xente coa que tes que competir, aínda que non me gusta esa palabra, xente coa que te van comparar. Ves que, por moi bo que che digan ou creas que es, sempre haberá alguén por riba túa.
-¿Veste competitivo?
-Son competitivo, pero ata certo punto; non me obsesiono nin me enfado, pero hoxe hai moita xente que fai as mesmas cousas que fas ti e a única maneira de diferenciarte é tratar de dar o máximo posible; iso é o que eu intento dar, pero, aínda así, sempre digo que se podería dar máis.
-¿Un desexo para o futuro?
-No futuro gustaríame traballar aquí, se non en Allariz, en Galicia, iso está claro, pero non vexo con malos ollos ter outra experiencia temporal nalgún outro país. En todo caso, iso ten que ser unha posibilidade, non unha obriga.
-Ese é o desexo. ¿E a perspectiva?
-Cuns estudos como os que quero facer eu, espero ter unha boa perspectiva aquí, pero nunca se sabe. Está a cousa complicada, pero sempre vexo con optimismo o futuro.
-¿Como ves á túa xeración?
-Determinada xente dá imaxe de pasota... pero prefiro pensar que somos a xeración da reserva e nalgún momento temos que poñernos diante e deixar un mundo mellor. Eu nunca diría que unha xeración enteira son pasotas ou vagos, hai de todo. Eu, dende logo, ao meu redor non vexo ningún deses ninis nin nada polo estilo. Todos, en distinta medida, teñen vontade de traballar e facer cousas. ¡A ver o que damos feito!
-Se puideses, ¿que cambiarías na estrutura educativa?
-O sistema tería que ser o máis inclusivo posible. Hai que desencorsetar o sistema porque hoxe está moi definido en bloques, ramas, liñas de coñecemento... Está demasiado pechado e moita xente non pode facer o que quere porque lle gustan cousas diversas. Aquí en Allariz, por exemplo, para facer música tes que coller obrigatoriamente relixión.
-¿E na sociedade?
-En canto á sociedade, hoxe para falar de eficiencia e produtividade, íllase o factor humano que teñen as persoas como traballadores. Se eu fose un poder económico importante, trataría de dar exemplo e potenciar a vía social das empresas, que aos traballadores lles guste o que fan, que se sinta cómodos; así conséguese maior produtividade e eficiencia, non tratando os traballadores como simples ben económicos.
Allariz. É a súa orixe e gustaríalle volver a traballar alí ou, polo menos, a Galicia.
Instituto. Salienta o labor da súa mestra de Economía, Mercedes Pumar, e do profesorado. Está orgulloso do seu curso: 100% de aprobados en selectividade e o 90% con acceso á carreira desexada.