La Voz de Galicia

Carlos da Aira: «Gustaríanos ver máis poetas entre o público»

Allariz

María Doallo Ourense

O escritor alaricano dirixe o Poemagosto, que terá lugar na vila este fin de semana

30 Sep 2021. Actualizado a las 17:48 h.

A oitava edición do Poemagosto de Allariz chega esta fin de semana ao Festival Internacional de Xardíns. Despois dunha versión descafeinada e reducida a só un día, por mor do covid-19 no 2020, nesta entrega recupera en parte o seu formato habitual con dous días cheos de boa poesía e boa música. Así o defende o director do Poemagosto, o poeta alaricano Carlos da Aira.

—Aínda que seguimos co control de acceso, o uso de máscaras e demais, este ano o coronavirus deunos un pouco de respiro e por iso recuperamos as dúas xornadas. O sábado teremos recitais e concertos dende a mañá ata a noite e o domingo a cita será pola mañá, co segundo Recital de Poesía Novísima e máis co concerto de David Regueiro Quartet.

—Nesta ocasión entre os poetas que participan atópanse escritores tan coñecidos como Manuel Rivas ou Helena Villar Janeiro. Como é traballar para achegar todo este talento ata Allariz?

—A verdade é que unha das cousas que máis nos gusta do Poemagosto é poder traer voces poéticas tan interesantes a Allariz e ao mesmo tempo favorecer que a xente visite as vilas do interior de Galicia, eses pequenos núcleos rurais coma o noso, que están cheos de encanto e de posibilidades. Estamos moi orgullosos de traer a poetas que, nalgúns casos, non só é a primeira vez que visitan a vila, senón tamén Ourense e mesmamente Galicia, como nesta ocasión pasa coa poeta saharauí Zahra El Hasnaoui.

—É que o Poemagosto ten ademais carácter internacional...

—Si, dende o 2017. Neste caso estarán tamén con nós o poeta portugués Samuel F. Pimenta e a nepalí Itisha Giri. O que nos importa desa internacionalización é poder traer outras linguas que algunhas veces son incluso minoritarias, como é o caso do Sáhara Occidental ou de Nepal, nesta edición. Os poetas de fóra recitan na súa lingua materna e despois achégasenos os seus textos traducidos ao castelán ou ao galego para que todo o mundo poida entendelos.

—Vostede mesmo é poeta. Escoitarémolo recitar nesta edición?

—Non pode ser. Eu participei na primeira e no Poemagosto hai unha característica especial e é que ningún poeta pode repetir. Non é porque non queiramos que veñan, cousa que sería marabillosa, senón porque temos tantos bos poetas en Galicia, e fóra dela, para escoitar, que queremos que pasen por aquí o máximo número de voces distintas.

—Queda a porta aberta para que vaian como público...

—Por suposto que si. Ese é ademais un gran debate que existe en Galicia, gustaríanos ver a máis poetas entre o público, escoitando e desfrutando dos recitais. Aquí está convidado todo o mundo. As entradas son de balde, agás para o concerto de Uxía e Sérgio Tannus, que ten un prezo simbólico de 5 euros. Todas poden reservarse na web do Poemagosto e estanse esgotando.


Comentar