La Voz de Galicia

O BNG defende a continuidade do seu proxecto de Allariz e o PP di que caducou

Allariz

C. Andaluz OURENSE / LA VOZ
Cristina Cid, alcaldesa de Allariz

Os veciños poderán elixir o 28 de maio entre tres candidaturas

17 May 2023. Actualizado a las 09:23 h.

Os veciños de Allariz (6.348 habitantes) chegarán ás urnas este 28M coa posibilidade de elixir entre tres formacións políticas: BNG, PP e PSOE. Os nacionalistas gobernan co 61,87 % do apoio dos votantes nas eleccións do 2019 e con nove dos trece concelleiros do consistorio. O segundo partido máis votado foi o PP, que ten tres edís, tras acadar o respaldo do 22,8 % dos veciños. O concelleiro restante é do PSOE.

A alcaldesa, Cristina Cid, repite como candidata co obxectivo de manter a maioría absoluta coa que contaron os nacionalistas nos últimos anos. Afirma que quedan cousas por facer para o que denomina o proxecto Allariz. Sinala, no tocante ó sector primario, que se traballa para crear o centro rural de economía social e dar resposta á necesidade de aumentar o número de superficie das explotacións e mellorar a súa competitividade. Tamén, respecto a proxectos en marcha, destaca o remate do cambio das luces a led e a construción dunha depuradora de augas residuais cuxo anteproxecto está presentado á CHMS.

Engade o recentemente aprobado plan de sostibilidade turística, dotado cun millón de euros, que será unha realidade nos próximos tres anos a través de diferente accións. Como retos de futuro, Cristina Cid sinala varios de importancia para os veciños. O principal é dotar á vila dun transporte eficiente que permita a conexión con máis frecuencias coa cidade de Ourense. No apartado de mobilidade fala da instalación dun punto de recarga de vehículos eléctricos e a posta en marcha de varias sendas peonís, entre elas a dos centros educativos.

«Poremos en marcha un plan de adquisición de casas en ruínas nas parroquias e así daremos resposta á necesidade de vivenda na vila. Cremos que hai que pór en marcha un programa de competitividade para o pequeno comercio. E no tema da cultura, temos un proxecto para ampliar o Museo do Xoguete e para pór en marcha o de Xosé Suárez», engade a rexedora, Cristina Cid. Finalmente, apunta á adquisición dun edificio no campo de Os Blancos para equipamento cultural, a posta en marcha dos consellos sectoriais e por parroquias e a mellora da contorna do castelo. «Parecen moitas cousas, pero a maioría xa están en marcha e proxectadas», afirma.

Luz Doporto, candidata del PP por AllarizMIGUEL VILLAR

Luz Doporto repite como candidata do Partido Popular. Na actualidade son tres concelleiros. «O obxectivo é acadar a maioría suficiente para levar a cabo o proxecto de progreso e de transformación que necesita a vila tras 30 anos de goberno do BNG», destaca. Doporto afirma: «O proxecto do BNG estivo ben, pero caducou». Os populares cren que o futuro da vila pasa pola construción do novo centro de saúde, ademais da creación dun aparcadoiro subterráneo en A Barreira, para evitar a imaxe que presenta. Considera importante a pavimentación de todos os pobos, a ampliación da gardería municipal e un parque para os cans. Ademais, a construción dun aparcamento para autocaravanas para atraer a este tipo de turistas.

«O fundamental é o centro de saúde, despois virá todo como pezas do dominó. A idea é a reorganización dos servizos municipais. A parte administrativa pode ir ó centro de saúde actual porque o consistorio non é accesible e non se pode aparcar ó lado para calquera xestión», finaliza.

Maria Elena Penaguda, candidata del PSOE por AllarizMIGUEL VILLAR

O PSOE de Allariz estrea candidata. María Elena Penaguda substitúe a Zaida Rodríguez. «O rural non pode seguir sendo o patio traseiro dunha vila de postal, senón o xardín do que todo alaricán sinta orgullo e no que toda persoa queira vivir e os amantes das viaxes gozar», afirma. Entre outros proxectos, os socialistas apostan por unha comunicación bidireccional coa cidadanía escoitando, pero tamén respondendo; por facilitar o acceso ó traballo e por potenciar o transporte de viaxeiros no rural. «Os camiños e viais deben ser transitables e o patrimonio etnográfico, arquitectónico e artístico deben recuperar o seu esplendor», destaca Penaguda.


Comentar