La Voz de Galicia

O historiador santiagués Rafael García Ferreira gaña o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Allariz

Alejandro Mínguez Ourense

O xurado desta edición do certame otorgoulle o galardón este sábado na fundación do escritor en Allariz

29 Oct 2024. Actualizado a las 15:52 h.

O santiagués Rafael García Ferreira, doutor en Historia, gaña o Premio Vicente Risco de Ciencias Socias deste ano, no que se celebra a edición número vinte e oito do galardón que outorga a fundación do escritor de Allariz. García Ferreira afondou nun traballo previo, que era a súa tese de doutoramento, para presentar Outubro 1934 en Compostela. Mobilización, consecuencias políticas e represión.

O xurado do premio tomou a decisión este sábado en Allariz por maioría e destacou a calidade de todos os traballos presentados. «O de García Ferreira é un ensaio rigoroso, ben redirixido, argumentado, estruturado e con bo dominio das fontes», afirmaron do gañador. Tamén se valorou que a temática e o estudo do caso son de interese e actualidade. «Abórdase un período histórico complexo, con elementos que poden ter certas conexións coa actualidade e seren abordados dende diversas perspectivas e ámbitos das ciencias sociais», argumentaron.

O xurado desta edición estivo composto por Teresa Devesa Graña, do Concello de Allariz; Joaquim Vázquez Rodríguez, do Concello de Melide; Manoel Carrete Rivera, do Concello de Castro Caldelas; Carmen Villarino Pardo, da Universidade de Santiago de Compostela; e Isabel Mociño González, vicedecana de Educación en Ourense en representación do Padroado da Fundación Vicente Risco e como secretaria. Desculparon a súa presenza por motivos persoais Xavier Limia de Gardón, pola Deputación de Ourense; Xosé Henrique Costas González, pola Universidade de Vigo; e Maria Luísa Soares, pola Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro, que remitiron por escrito a súa valoración dos traballos.

O premio supón unha dotación de 6.000 euros e publicación da obra.


Comentar