O RIR de Allariz premiou as obras de Alejandro Miñarro e Anita Pico
Allariz
«Becarias» levou o galardón ao mellor traballo de animación no Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia
09 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
A Casa de Cultura de Allariz acolleu a gala de clausura do Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia de Allariz, un certame que nesta edición entregou o seu premio RIR Contigo ao actor galego Miguel de Lira.
«El juego de su vida», de Alejandro Miñarro, pechou a súa participación no RIR 2024 con dous galardóns. O seu traballo foi recoñecido co Premio á Mellor Curtametraxe de Ficción e Álex Macías levouse o Premio á Mellor Interpretación. «Becarias», de Marina Donderis, Nuria Poveda e Marina Cortón, acadou o Premio á Mellor Curtametraxe de Animación.
A directora galega Anita Pico foi recoñecida co Premio á Mellor Curtametraxe Docu-Mocku pola súa obra «Segunda II». A mellor dirección foi para Lisa Sallustio, pola curtametraxe a concurso «Assoiffé».
O galardón da Fundación Vicente Risco ao Mellor Guión concedeuse a Nüll García e Alba Flores polo seu título «Malegro verte».
A gala de clausura do Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia de Allariz, que dirixe Óscar Doviso, foi presentada polo actor galego Avelino González.