La Voz de Galicia

«Facer actividades culturais en sitios pequenos é complicado»

Allariz

maría doallo Ourense
Rochi Nóvoa

A poeta Rochi Nóvoa participa este sábado en Allariz na décima edición do Poemagosto

04 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O patio cuberto do Museo do Coiro de Allariz acolle un ano máis o Poemagosto, unha xornada cultural que chega ao seu décimo aniversario. O programa está repleto de letras. Algunhas serán recitadas e outras cantadas. O día comezará cunha lectura de poemas por Palestina, ás 11.00 horas. Actuarán os grupos Tesouro e Coanhadeira. Haberá un obradoiro para os máis pequenos, unha foliada a cargo de Xúa e tamén un pouco de «electropoesía» da man de Luix Kaf. Os protagonistas do festival serán os autores. Nesta ocasión en Allariz recitarán Silvia Penas, Samuel Merino, Verónica Martínez Delgado e os ourensáns Carlos da Aira (un dos organizadores da cita) e Rochi Nóvoa.

—Vostede participou na primeira edición do Poemagosto, que fora moi especial porque contara coa presenza da recentemente falecida Luz Fandiño. Como se sinte ao volver para celebrar a décima?

—Estou feliz. Creo que é unha xornada moi interesante e moi necesaria. Organizar actividades culturais en sitios pequenos é moi complicado. É de agradecer, sobre todo á persoa que organiza, que é Carlos da Aira, que segue sen darse por vencido e traballe duro durante meses para que nós teñamos esta xornada. O Poemagosto é un acto moi íntimo e familiar, no que convivimos e temos a oportunidade de intercambiar puntos de vista sobre o arte e a cultura en xeral.

—Ten claro o que vai recitar?

—No pase da mañá tirarei dos poemas que máis gustaron dos meus libros. Ímonos relaxar. Pero pola tarde vai ser algo totalmente experimental para min. Estarei acompañada por Puntxa Rivero, de Lamatumbá. Eses poemas están creados en exclusiva a este décimo aniversario e agardo que os desfrutemos moitísimo.


Comentar