A vila de Allariz recibe a distinción como Lugar de Interese Cinematográfico
Allariz
A Academia Galega do Audiovisual concedeu a categoría de LIC no encontro celebrado no OUFF
22 Nov 2024. Actualizado a las 10:57 h.
O Ourense Film Festival acollía o pasado ano a xuntanza das academias audiovisuais da península. O encontro, que se repetiu neste 2024, estaba promovido pola Academia Galega do Audiovisual (AGA). Entre os acordos rubricados naquela data estivo o de crear unha nova figura que ten por obxectivo distinguir e espallar aqueles lugares que se teñen caracterizado ao longo da historia por ter acollido rodaxes ou proxectos audiovisuais. Cada academia escollerá un por ano e no 2023 a AGA decantouse polo municipio de Lobeira, por ter sido neste enclave da Baixa Limia onde Antonio Román —coa colaboración de Xaquín Lorenzo, Xocas— rodou o seu documental «O carro e o home». Tamén foi alí, e con Xocas como anfitrión, onde Carlos Velo gravou parte da súa curta «Galicia».
As academias volveron a Ourense este ano e no caso de Galicia o espazo escollido foi Allariz. Este xoves Alba Gallego, da xunta directiva de AGA, procedía a entregar a distinción de Lugar de Interese Cinematográfico (LIC) a Cristina Cid, a alcaldesa alaricá.
A rexedora municipal agradeceu o galardón e lembrou na súa intervención o impacto que tivo na vila a rodaxe do filme «A lingua das bolboretas», de José Luis Cuerda. Aquel proxecto de 1999 non só supuxo un impulso á proxección cultural da vila, senón que tamén deixou unha pegada emocional entre os seus habitantes. Tamén se referiu Cristina Cida a que aínda na actualidade se constata o interese por aquela rodaxe entre as persoas que visitan Allariz, subliñando o feito de que o cinema axudou a consolidar a vila como un destino atractivo para os turistas.
Outras rodaxes
Entre outros proxectos, no municipio graváronse escenas para «A virxe do Cristal» (1926), «Cuñados», «La manzana de oro», «Lobos e cordeiros» e «Quen somos nós».