La Voz de Galicia

Ana Belén Vázquez, candidata do PP ao Congreo: «Non vou renunciar ao meu idioma nin á miña ideoloxía galeguista por Vox»

Bande

miguel ascón ourense / la voz
Ana Belén Vázquez é a candidata do PP ao Congreso por Ourense.

«Feijoo é o de sempre. O que pasa é que agora ten todas as cámaras enriba»

21 Jul 2023. Actualizado a las 05:00 h.

É unha das deputadas máis veteranas no Congreso e o PP marcou o obxectivo de recuperar o 3-1 en favor dos populares no reparto dos representantes ourensáns. «Sabemos que é complicado, pero non imposible», di Ana Vázquez (Bande, 1975), que engade: «Temos que ser capaces de aglutinar todo o centro-dereita. Nas anteriores xerais, cos votos de Ciudadanos e de Vox sobraríanos. Agradezo que Ciudadanos non se presente e tamén agradecería que en provincias pequenas nas que non se xoga nada Vox, como Ourense, tampouco se presentara».

—Ve imposible que obteñan representación?

—Si, na nosa provincia non e arríscome a dicir que en toda Galicia tampouco. A única opción aquí é ou Sánchez ou Feijoo.

—O 23X elíxense os representantes de Ourense. Falarase só de Sánchez e Feijoo ou tamén das necesidades da provincia?

—Na presentación das candidaturas xa falei dos agravios a Ourense. Aquí non se fixo nada, chegou o AVE, pero iso foi grazas a moitos Gobernos; el so fixo a chegada, nada máis. E o resto dos proxectos están todos paralizados. Poñían números que despois non investían. E somos a única cidade con AVE, pero resulta que non temos estación intermodal. Tamén estamos preocupados polo saneamento do Barbaña porque aí podemos perder 14 millóns. Por non falar da sede da Confederación Hidrográfica. Todos os anos temos dous millóns nos orzamentos e todos os anos eses cartos marchan fóra. E por non dicir tamén a A-56 e a A-76.

—Moitos deses proxectos veñen de anos atrás e tamén pasaron Gobernos do PP.

—Pero houbo Gobernos que os apuraron e outros que non fixeron nada. Agora vimos, por exemplo, que na A-76 metían 100.000 euros. Iso quere dicir que non van facer nada. Nós imos ter agora un presidente ourensán, que coñece estas necesidades.

—Sánchez quéixase de que o PP o deshumaniza. Podería vostede dicir algo positivo da súa xestión?

—O único polo que pasará a historia é polas súas mentiras, que agora di que son cambios de opinión. Xa se lle nota ata el mesmo avergonzado das mentiras que nos contou e de como utilizou as institucións para favorecer ao seu partido e ao seu Goberno. É moi feminista pero logo temos a máis de mil agresores sexuais beneficiados pola súa lei, aquí en Ourense tres excarcerados que eu teña constancia. Ademais, é un Goberno que estivo sometido ao chantaxe independentista de Bildu. Durante estes anos se priorizou a certas rexións e se marxinou a outras como Galicia. E, así a lo tonto, houbo trinta subidas de impostos nestes catro anos. Foi un auténtico despropósito de lexislatura.

—Non salva nin o incremento das pensións ou o ingreso mínimo?

—O PP votou a favor do ingreso mínimo vital, pero nós cremos que ten que estar vinculado á busca de emprego. Non debe ser vitalicio, senón mentres esa persoa non atope traballo. Nós o que queremos é crear riqueza e o noso obxectivo son 22 millóns de afiliados na Seguridade Social. E este Goberno atacou a empresarios por crear economía. Houbo moitísimo sectarismo.

—Como ve a Feijoo en Madrid? Hai quen di que comete moitos erros.

—Feijoo é o de sempre. O que pasa é que agora ten todas as cámaras enriba del, pero Feijoo ten demostrado que é un gran xestor. Demostrouno en todos os sitios que estivo. El colleu Galicia en moi mal estado no ano 2009, con España en quebra técnica, e mira agora onde está Galicia. É un político que escoita, que está pendente do seu traballo día e noite. Coñecémolo moi ben e nós sabemos que non lle vai tremer a man para tomar decisións que favorezan a Galicia.

—Sánchez dixo no seu día que non durmiría tranquilo gobernando con Podemos. Poderá facelo Feijoo se pacta con Vox?

—Nestes momentos ao que aspira Feijoo e a gobernar en solitario. De momento non vislumbramos esa outra hipótese. Imos a por todas.

—Pero a súa opinión de Vox non é precisamente boa, non si?

—Efectivamente eu non coincido en moitas cousas con Vox. Eu incluso tiven un problema no Congreso por ridiculizarme o meu acento galego. É verdade que se me nota moito, pero é que eu son galegofalante e non me avergonzo. Hai xente que me para pola rúa e di: «A deputada galega». Non saben o meu nome pero saben que son galega e para min é un orgullo. Para Vox levar acento galego é pexorativo, pero eu díxeno varias veces no Congreso: «A mellor maneira de querer a España é con acento galego». Hai que respectar a diversidade lingüística. Eu a primeira palabra que escoitei da miña nai foi en galego. Non vou a renunciar ao meu idioma nin á miña ideoloxía galeguista por Vox. Tampouco coincido con eles no respecto cara as parellas diversas e moitas veces escoitei alí verdadeiras barbaridades. Estou moi lonxe de Vox e, así como teño relación persoal con deputados doutros partidos, nunca ninguén deles se me achegou.

«En Ourense temos ese plus de facer presidente de España a un neno dos Peares»

Xa foi deputada na sétima, oitava, novena, décima, duodécima, décimo terceira e décimo carta lexislaturas. Agora vai a pola décimo quinta e di ter «máis motivación que nunca» por encabezar a candidatura «na terra do futuro presidente do Goberno».

—E as listas fíxoas el. Ou esa é a impresión que da.

—Si, el facía unhas propostas en coordinación cos presidentes rexionais e provinciais, pero en ningún caso impuña nomes porque as cousas van moi ben e non hai que impor nada, todo o contrario. Foron unhas listas con moito consenso e no caso de Ourense, como digo, temos ese plus facer presidente de España a un neno dos Peares, do rural.

—Sinte o apoio de Baltar? Sabe que se di que non se levan ben.

—Todos os candidatos estamos absolutamente coordinados co partido e coa presidencia provincial, que ademais é o presidente do comité electoral. Cando foi o congreso nacional no 18 tivemos as nosas diferenzas porque cada un apoiou a un candidato, pero en liberdade. E sen problema seguimos traballando desde o 18.

—Deu un paso a un lado e entrou Luis Menor, como o valora?

—Fíxose un cambio na Deputación dunha maneira xenerosa. Agradecémoslle a Manuel Baltar que permitira que se gobernara a Deputación e os alcaldes apostaron por Luis Menor. É un recoñecemento ao traballo de Luis e ao que deixa Baltar.

—Está cómoda coa inclusión da exconselleira do Mar na lista de Ourense?

—A inclusión de Rosa [Quintana] encántame. Coñézoa desde hai moitos anos, de cando era conselleira de Medio Rural. É unha persoa moi coñecida porque esa consellería tiña moita vinculación coa nosa provincia. Despois, está vinculada ao Pereiro, de onde eran os seus pais e onde ten aínda familia. É un luxo levala.


Comentar