La Voz de Galicia

«A miña xeración déixalle á seguinte o nacionalismo feito uns zorros»

Barbadás

miguel ascón Ourense Deputada do BNG

Tras once anos no Parlamento, Paz di adeus lamentando o «inmobilismo» do seu partido

16 Jul 2016. Actualizado a las 05:00 h.

O próximo luns cumpriranse once anos da súa primeira toma de posesión como deputada autonómica. Esta semana Tereixa Paz Franco (Barbadás, 1967) confirmou que non repetirá. «Nunca estiven máis de dez anos no mesmo sitio traballando e eu creo que iso é positivo porque axuda a osixenarte», di esta funcionaria de Xustiza, que volverá ao seu traballo e que xa argalla proxectos no eido dos movementos sociais: «Non son capaz de meterme na casa como unha maruja sen facer nada»

-¿Por que tomou a decisión de non repetir?

-Por nada en concreto. Empezas a darte conta. Eu hai asuntos que levo desde hai once anos, como os relacionados con medio rural e, sobre todo cando empezou o conflito do sector lácteo, empecei a ter a sensación de que todo o que podía propoñer xa o propuxera nalgunha ocasión. Entón dis ti: «Igual é o momento de que veña outra persoa que, aínda que repita o mesmo ca ti ou parecido, vaille ser novidoso». Empezar a repetirse demasiado non é bo, nin para ti nin para as persoas as que pretendes axudar co teu traballo.

-No seu último pleno recibiu palabras de cariño de todos os partidos. Iso ten que ser unha satisfacción, ¿non si?

-Si, si que o é porque, con independencia de que houbo debates moi duros e ás veces seguro que se me foi a man, hai que saber separar o debate político do que é o respecto ás persoas. Tanto co resto dos deputados como cos traballadores do Parlamento sempre sentín que había respecto mutuo e respecto tamén polo traballo que eu facía con independencia de que non estiveran de acordo. Incluso os deputados do PP creo que respectaban o meu traballo e que o fixera con honestidade ou con certo rigor porque normalmente preparaba os asuntos dos que tiña que ocuparme.

-¿Perdéronse as formas no Parlamento nos últimos tempos?

-Esta última lexislatura foi máis bronca que as anteriores. Eu non digo que eu non as perdese algunha vez; seguramente alguén se sentiu ofendido por como dixen algo e polo que dixen, pero en todo caso non pretendía ser unha acusación ás persoas. Eu creo que esta última lexislatura foi un pouco de sobreescenificación. Entrou AGE e eles viñan con esa aureola de poñelo todo patas arriba e ao final teño a sensación de que todo iso se quedou no plano formal, berrando, con palabras máis grosas ou en termos máis ofensivos. E non che digo que iso non influíra tamén á hora de sentir que igual era o momento de marchar. Eu non me sinto cómoda niso.

-Pode que tamén influíra o rexeitamento que o BNG deu ás propostas que vostede e Carme Adán fixeron para a súa rexeneración. ¿Se tiveran sido apoiadas marcharía?

-Cando ti das un paso ao fronte defendendo unha proposta, se prospera, tes unha responsabilidade. En caso de que iso tivese ocorrido non tería eludido a responsabilidade. Pero non pesou tanto na decisión de dar un paso atrás porque eu vou seguir en política dunha forma ou outra e vou seguir apostando por iso que defendemos, que ao nacionalismo hai que darlle unha volta. O camiño que levan todas as organizacións nacionalistas demostra que ningunha ten viso de lograr nin a implantación social, nin política nin electoral que pode facela útil. Eu sigo defendendo que hai que facer a concentración parcelaria e desde onde estea intentarei axudar a que se faga.

-Nun contexto de constantes cambios políticos, ¿foi frustrante para vostede o inmobilismo no se instalou o BNG?

-Para min é moi frustrante unha cousa. Seguramente a xeración anterior nos deixou o Bloque un pouco maltreito pero a min o que me produce moita frustración é pensar que a miña xeración déixalle á seguinte o nacionalismo feito uns zorros. Por iso tratamos de dar un paso ao fronte e intentar alertar de que co inmobilismo e con pensar que vai pasar o temporal non che vai ir mellor.

-¿Pensa que o BNG pode chegar a quedar sen representación no próximo Parlamento?

-En política non está nada escrito e ao respecto de procesos electorais, moito menos. A cidadanía cada vez actúa con menos fidelidade á hora de votar. Agora non podemos dicir «os nosos votantes» porque foron nosos un día pero ao día seguinte igual xa... Ninguén pode dicir iso, igual o PP un pouco. En todo caso, eu non contemplo que o BNG non acade representación parlamentaria porque aínda que esteamos nunha situación moi precaria creo que segue habendo moita xente que cree no BNG, sobre todo nunhas eleccións galegas.

-Falaba da fidelidade ao PP. ¿Por que cree que seguen obtendo tan bos resultados na provincia?

-Non pode haber unha única explicación; hai moitas explicacións diferentes. Nin sequera a explicación do caciquismo ou a das dependencias económicas, da falta de traballo e de oportunidades, explica por si so que sexa a segunda provincia de España na que máis votos tivo. Tamén hai outro factor, que temos unha poboación moi envellecida e a xente nova ten a percepción de que aquí non hai futuro. É como se se acabara instalando en Ourense unha certa resignación.

-Dous dos seus principais rivais na súa carreira política, José Luis Baltar e Pachi Vázquez, acabaron como acabaron. ¿Vaise unha máis satisfeita índose como se vai?

-Por suposto que me dá moita satisfacción marchar coa folla de servizos limpa desde o punto de que eu nunca me beneficiei da política, nunca me enriquecín, nunca utilicei o meu cargo para o meu beneficio e sigo vivindo na mesma aldea na que nacín.

-Bueno, a vostede recordaranlle a súa condena por coaccións ao exalcalde de Barbadás.

-Non sei se podo dicir que estou orgullosa de telo feito porque cando perdes as formas tamén perdes parte da razón. O que si que digo é que o volvería facer. O contexto era unha loita veciñal e igual volvería estar alí pero intentaría non perder os papeis. En todo caso, non me arrepinto desa condena. Non.


Comentar