A película «Anos despois» chegará ao público galego grazas á TVG
Cartelle
A cinta, rodada en Cartelle no ano 2010, non accedeu ás salas comerciais en Galicia
10 Feb 2016. Actualizado a las 05:00 h.
A industria cinematográfica pivota sobre varios sectores, algúns dos cales é fundamental para que un proxecto chegue a ser unha realidade para o destinatario principal de toda obra creativa. Neste caso o espectador que acude ás salas ou que accede aos contidos a través de plataformas ou de Internet. Durante décadas un bo número de títulos do cine español nunca chegaron a existir para o público, sendo empregados somentes para mercar os dereitos da película e cumprir así coa chamada «cota de pantalla». A distribución e a exhibición son os que dictaminan daquela se unha obra chega a ser como tal, é dicir ten receptores, ou non.
O cine que non se ve non existe, e algo diso lle pasou -só no 50 % do proxecto- a una película rodada entre México e Galicia, a cinta Anos despois. A Televisión de Galicia proxecta esta noite, xa na madrugada do xoves pois o pase é as 01.30 horas, a película rodada pola directora Laura Gárdos no ano 2010 na cidade de México, en Cartelle e en Ourense. A emisión da TVG será a primeira oportunidade na que a obra da realizadora mexicana chegue ao público en xeral: a proxección no OUFF e no Auditorio de Cartelle foron os únicos pases ao longo destes anos.
O percorrido de Anos despois tivo disfuncións entre México e Galicia. Mentras no país centroamericano a película foi estreada e estivo no circuito comercial, ademáis de acadar premios en varios certames, en Galicia -a produtora na comunidade foi a empresa de Antón Reixa- non se xestionou a presenza nas salas nin se chegou a distribuir a película.
Rodaxe en Cartelle
Anos despois
é unha historia da emigración e dos desencontros xeracionais: Andrés, un mozo mexicano, decátase de que o seu avó Justino -a quen cría morto hai anos-aínda vive e está en Galicia. O vello non ten noticias da súa filla, Clara, que marchou a México durante a dictadura franquista para fuxir das consecuencias que o escenario político tivo na súa familia. A parte galega foi rodada en Cartelle, na súa maior parte, e Ourense. Entre os escenarios empregados Laura Gárdos apostou por gravar na casa natal do seu avó, Carlos Velo. A película ten como protagonistas a Angélica María, Celso Bugallo, Moisés Arizmendi e Ledicia Sola.
A TVG, que figura entre os produtores, emite esta noite
Anos despois
ás 01.30 horas.