La Voz de Galicia

Celanova salda unha débeda pendente con Manuel Buciños

Celanova

r. n. p. ourense / la voz
Manuel Buciños recibiu o premio Celanova, Casa dos Poetas

O escultor recibiu emocionado o premio Casa dos Poetas

03 Sep 2023. Actualizado a las 17:25 h.

«Non me gusta nada recibir este tipo de premios, pero hoxe a verdade e que emocioneime e sentinme como se estivera na miña casa». Así recibiu Manuel García Vázquez, Buciños, o premio Celanova, Casa dos Poetas, que este ano cumpre a súa edición número 39. A súa intervención foi o colofón a un programa de actos que, como xa é tradición, serve para que Celanova recorde aos seus ilustres escritores o primeiro domingo de setembro.

O programa comezou cunha ofrenda floral ás 11.30 horas e unha lembranza de Celso Emilio Ferreiro diante do seu monumento con motivo do seu 44 cabodano. Tras a intervención da Alborada de Celanova, a cargo da banda de gaitas da vila, e o recitado de poemas de Celso Emilio por compoñentes do grupo de teatro Solpor, tivo lugar a interpretación do himno Antergo por parte da Banda de Gaitas.

Os asistentes trasladáronse logo ao claustro barroco. Nun acto conducido por Felipe Ferreiro, patrón da Fundación Curros Enríquez, fíxose entrega ao escultor Buciños dunha medalla de prata, coa imaxe da fachada da casa e a letra «C» (Celanova, Casa, Celso, Curros e Castor) que é obra de Acisclo Manzano. Tamén se lle entregou un gravado realizado por Baldo Ramos, que recolle un extracto da acta do premio. Á hora de xustificar a concesión do Celanova, Casa dos Poetas deste ano o xurado indicou: «A Fundación Curros Enríquez era consciente da eiva que supoñía a ausencia de Manuel Buciños no cadro de honra do seu padroado e quixo saldala definitivamente neste ano no que se cumpre o centenario da declaración da capela de San Miguel, que nos liga coa época do fundador de Celanova, como Monumento Histórico Nacional.

Buciños pasa a formar parte dunha nómina de premiados que estreou no ano 1985 o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín. Os últimos galardoados foron o tamén escultor Xosé Cid, a comunidade da residencia San Carlos e a cantante Luz Casal. Ao acto asistiron autoridades como o presidente do Parlamento ou o alcalde de Celanova.


Comentar