La Voz de Galicia

Sentir a Stendhal

Celanova

Carlos H. Fernández Coto
Claustro del monasterio de San Salvador de Celanova

Denomínano enfermidade, pero eu entendo que é un síntoma de sensibilidade

02 Jan 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Entrar na igrexa de San Salvador de Celanova escoitando a música do órgano pode facernos aflorar as bágoas, igual que atoparnos algo que nos entra na alma, no territorio das emocións. É algo subxectivo, que seguramente soamente sentimos as persoas de alta sensibilidade (PAS) .

O síndrome de Stendhal, tamén denominado síndrome de Florencia, é unha aptitude psicosomática que causa un elevado ritmo cardíaco, vertixe, confusión e mesmo alucinacións cando o individuo é exposto a unha sobredose de beleza artística, é dicir, obras mestras da arte. Chámanlle así polo famoso autor francés do século XIX Stendhal, quen deu unha primeira descrición detallada do fenómeno que experimentou na súa visita en 1817 á basílica de Santa Cruz (Florencia) e que relatou despois nun dos seus libros.

Seguramente haxa quen o sinte ao escoitar unha gaita, outros poden ser sorprendidos pola beleza dun cadro, dun retablo ou cando escoitan ao seu autor favorito. Denomínano enfermidade, pero eu entendo que é un síntoma de sensibilidade, pola interacción de varios sentidos, cando algo emociona, chega ao corazón, á alma.

Non debemos conter os sentimentos, xa que potencian a saúde. Quen nunca se emocionou non é quen de amar, non é de todo humano, e teño comprobado que hai persoas sen chisco emocional, alleas ao amor e desamor.

Recordando aos grandes arquitectos, dicir que nos emociona tamén a luz e o espazo, e moitas veces somos os creadores de emocións que debemos aplicar á nosa sensibilidade para facer gozar aos demais das nosas creacións. Non sempre se consegue.


Comentar