La Voz de Galicia

Galicia miraba a Celanova para honrar a Celso Emilio Ferreiro

Celanova

ourense / la voz hace 35 años
Nos últimos anos da súa vida Celso Emilio Ferreiro desenvolveu unha gran actividade política.

O poeta era o protagonista das Letras Galegas de hai 35 anos

19 May 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Celanova e Celso Emilio Ferreiro foron os protagonistas absolutos das Letras Galegas de hai trinta e cinco anos. Naquel 17 de maio de 1989 o escritor homenaxeado era o autor daquela Longa noite de pedra dos tres días que pasou preso no mosteiro de San Rosendo e os actos centrais da xornada desenvolvéronse no seu pobo. Un lugar que, como lembraron algúns dos oradores da xornada, sempre foi principio e fin de quen titulou unha das súas obras Onde o mundo se chama Celanova. 

O presidente da Real Academia Galega, Domingo García Sabell; o da Xunta, Fernando González Laxe; e a viúva do escritor, Moraima Loredo Fernández, centraban as intervencións da xornada, onde tamén reivindicaba ao lembrado o alcalde, Manuel Gómez Rojo.

LVG

Acceda aquí á páxina publicada en 1989.

A primeira cita da xornada desenvolvíase no cemiterio de San Verísimo. Alí, enriba da lousa que lembra ao escritor e na que se pode ler o seu simbólico texto —«Máis o lume que alampea, xamais o veredes morto»—, facíase a ofrenda floral ao protagonista das Letras Galegas.

 Escultura de Acisclo Manzano

Dende alí a comitiva achegouse á mostra sobre CEF que estaba instalada no mosteiro. De seguido desenvolveuse a actividade máis emotiva da xornada, cando o presidente da Xunta, Fernando González Laxe, e a viúva do poeta, Moraima Loredo Fernández, fixeron a descuberta da escultura de Acisclo Manzano: o busto de Celso Emilio Ferreiro que está ao pé do instituto de Celanova. Na súa intervención o titular do Goberno galego salientaba o valor dun escritor «que expresou de forma nidia e rotunda todo o que significa un país, unha gran nación coma Galicia, acosada nuns tempos determinados por aqueles que tentaban esmaga-la nosa lingua», sinalaba. Laxe tamén aproveitaba para rexeitar polémicas vencelladas á xornada, lembrando aos que fixeron posible a creación e consolidación dunha cita como as Letras Galegas e tamén «a todos aqueles que prohibiron o galego na nosa propia terra, como foron ex-ministros que veñen agora disfrazados de camaleóns».

Moraima agradeceu ao escultor Acisclo Manzano o seu talento e xenerosidade á hora de inmortalizar a Celso Emilio Ferreiro e amosouse convencida de que o escritor estaría safisteito e complacido da xornada que se estaba a vivir no pobo.

A sesión extraordinaria da Real Academia Galega estivo protagonizada polo seu presidente, Domingo García Sabell, e polas intervencións de Antón Fraguas, Xosé Filgueira Valverde e Carlos Casares —que leu un texto de Constantino García, que non puido asistir á xuntanza—. Filgueira contou varias anécdotas da súa relación con Ferreiro e lembraba que a última vez que estiveran xuntos fora nunha conferencia do propio Filgueira, en Poio, sobre o celanovés Luis Soto. García Sabell sinalou que «a poesía de Longa noite de pedra xa se ten convertido nun clásico porque resiste o paso do tempo».

 

Na cidade tamén se desenvolvían actos vencellados coa figura honrada nas Letras Galegas. O 17 de Maio de 1989 Antón Risco, escritor e catedrático de Literatura na Universidade de Quebec, pronunciaba na Aula de Cultura de Caixa Galicia unha conferencia sobre a emigración en Celso Emilio Ferreiro e analizaba a experiencia do poeta recollida en Viaxe ao país dos ananos. O Concello procedía a entregar nesa xornada o Premio Cidade de Ourense de poesía a Xosé Vázquez Pintor e á descuberta da placa que daba o nome do poeta á rúa que ata entón lembraba ao Capitán Cortés. Na actividade desenvolvida pola mañá na cidade contábase coa presenza, entre outros, do presidente da RAG. García Sabell calificaba como acertada a decisión da muda do nome e lembraba na súa intervención ao homenaxeado e aos intelectuais da Xeración Nós.

 Política e documental

Había só dez anos que morrera Celso Emilio Ferreiro, circunstancia que fixo que por toda Galicia se realizasen actividades e fosen moitas as persoas que aínda daban conta de proxectos conxuntos e experiencias comúns. A xornada chegaba precedida pola polémica, ao afirmar Alonso Montero —que impartía unha conferencia sobre o poeta— que o PSOE presionara para que se lle dedicara o 17 de maio, aspecto desmentido dende a RAG, Xunta e a Fundación CEF. Nunha entrevista en La Voz Ferrín lembraba ao seu veciño e anunciábase unha serie documental da TVG sobre o escritor.

18-5-1989

Celanova acollía os actos do 17 de maio na memoria do poeta e a RAG celebraba sesión na vila, onde se inauguraba unha escultura de Acisclo Manzano.


Comentar