La Voz de Galicia

Celanova, lira de bronce

Celanova

Xesús Alonso Montero

07 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

No domingo, Celanova, vila sempre fértil en poetas, foi, na opinión de alguén, a capital europea das Letras. Entregouse a Bieito Ledo (1944), cidadán cultural singular e multifacético, o Premio Celanova / Casa dos Poetas na súa 40.ª edición. Estiveron moi presentes os dous esteos máis potentes e ricos da Casa: Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.

Do gran Curros, o pintor Antón Pulido, extraordinario tenor, cantou A nena na fonte, e de Celso E. Ferreiro, no acto preliminar, dúas voces moi axeitadas, a de Camila Álvarez Rivero e Teresa Barge Tapia, recitaron, respectivamente, Soldado e Irmaus. Confortoume, nesta hora do mundo, oír os versos inmortais de Soldado, poema pacifista, que contén, no seu segundo fragmento, unha diatriba contra a guerra construída con imaxes do Gernika de Picasso («Un touro asexante, coma un Minotauro perdido / nun laberinto de brazos, rostros, pernas, osos tumefactos, / muxía longamente»). Oíndomos Irmaus, un clásico da poética da fraternidade, decatouse o público de que os seus versos eran o contrapunto dos picassianos («anque as nosas palabras sean distintas, / e ti negro i eu branco, / si temos semellantes as feridas, / coma un irmau che falo»).

No discurso autobiográfico de Bieito Ledo houbo un minuto de ouro cando contou a conversa telefónica co seu (e meu) amigo Luís Suárez: «—Que fas, Bieito? —Nada. —Pois cando termines, dáme unha chamada». Alguén, na sobremesa, na horta da casa natal de Curros, suxeriu que tal resposta, entre a Poética de Aristóteles e a teoría da relatividade de Einstein, tiña dereito a figurar nunha esixente antoloxía da aforística mundial.

Xantando na horta de Curros Enríquez, un pequeno grupo falamos do poeta, non só da súa poderosa musa cívica, que foi, por certo, o tema do Día da Poesía na Real Academia Galega. Cómpre afondar, e cómpre —suxeriu con razón Antonio Piñeiro— investigar máis sobre certos aspectos e tramos da súa biografía. Mesmo nos comprometemos para celebrar, neste curso, un simposio en Celanova que podería titularse Da vida e da obra de Curros Enríquez: estado da cuestión.


Comentar