E a coherencia?
Manzaneda
10 Nov 2021. Actualizado a las 21:39 h.
A semana pasada tres colexios da provincia recibían premios por ter comedores escolares que apostan polos produtos que quilómetro 0. Está ben que a Xunta premie aos coles que fan o contrario do que promove, xa que desde Santiago levan anos suprimindo os servizos de cociña escolar que poden para contratar empresas de cátering que cociñan a ducias de quilómetros dos propios coles. Esa é a tendencia, e só hai volta atrás cando hai moito ruído, como o que fixeron os pais de Manzaneda para evitar que lles trouxeran a comida desde sabe deus onde. É o que pasa agora cos pequenos da escola infantil de Trives. Antes da pandemia os nenos tiñan que levar a comida da casa (aí xa cada familia escollía se era quilómetro 0), pero coa chegada da covid, desde a Consellería de Política Social entendeuse que era máis seguro non andar metendo 20 friameiras diarias na gardería, cada unha da súa casa. E daquela que fixo, instalou un servizo de cociña para que os pequenos comeran produtos das Terras de Trives? Non, que va, escolleuse unha empresa de fóra da comarca que trae o xantar todos os días desde ben lonxe. Iso pareceulles mellor idea que falar coa Consellería de Educación para que na cociña do cole (comparten edificio) fixeran algo máis de ración e poder así darlle o servizo á escola infantil. Sería máis económico, deixaría beneficios nos negocios locais porque o cociñeiro do cole merca en Trives, sería mellor para o medio ambiente (porque a furgoneta de reparto substituiríase por unha persoa que camiña 100 metros), e sería comida da pota ao prato. Pero quen dixo que rexera o sentido común entre os que gobernan?