La Voz de Galicia

Montse Rivera, música de Leilía: «Levamos case toda unha vida cantando»

Monterrei

maría doallo
Unha actuación de Leilía

O grupo de cantareiras e pandeireteiras actúa este xoves no castelo de Monterrei

04 Aug 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Ata o castelo de Monterrei chegan os concertos da programación do Xacobeo. A explanada que hai fronte o monumento será escenario este xoves para unha actuación con moita tradición galega, xa que os protagonistas serán Uxía e Javier Ruibal, e o grupo de pandeireteiras Leilía, no que canta Montse Rivera. A cita con ela e co resto de artistas será ás 20.00 horas.

—Trinta anos de música dícese rápido, pero hai que vivilos.

—Xurdimos no 1989 coa idea de dar a coñecer todo o legado de canto que nos atopábamos nas recollidas e que non sabiamos moi ben como achegar á xente. Queríamos montar unha agrupación e logo xa veríamos. Esa aposta levounos por 33 anos nos que acadamos que ese legado forme parte da memoria deste país, unha tradición que estaba esquecida cando comezamos.

—No 2011 publicastes «Consetimento», xa van máis de once anos. Para cando un novo proxecto discográfico?

—Verdadeiramente somos un grupo lento, porque tampouco nos dedicamos exclusivamente a isto. O groso do grupo ten outros traballo. Non nos caracterizamos pola rapidez e ademais xuntouse todo coa pandemia. Agora estamos traballando no proxecto «Vidas cantadas», que estivo parado co covid.

—Que imos escoitar nesas «Vidas cantadas»?

—É un proxecto que resume todo o que é Leilía. Levamos case toda unha vida cantando e tamén cantadas eran as vidas das mulleres de antes. Cada momento do día tiña a súa cantiga. Facíase para arrolar aos nenos, para traballar, nas festas... Collemos as cancións do noso repertorio inicial e démoslle o aire de hoxe en día grazas á experiencia e aos arranxos musicais.

—É a vosa primeira vez no castelo de Monterrei?

—Si, estamos moi ilusionadas porque é unha paraxe emblemática e aínda non tocamos alí. Ademais estaremos ben acompañadas de Uxía Senlle e pensamos que vai ser unha noite marabillosa.


Comentar