La Voz de Galicia

Un ourensán para a RAG

Nogueira de Ramuín

Xosé M. Rodríguez Redactor

08 Jan 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Morreu Pepe Ferreiro e a Real Academia Galega quedou sen o home que sabía das «Ribeiranas do Sil», que coñecía o barallete e que mesmo foi quen de dar nome a un dos grupos senlleiros da historia da cultura galega do século XX imaxinando a identidade dun hipotético afiador de Nogueira de Ramuín que seica percorrera o mundo. Como non, detrás da roda. E Brais Pinto, ese afiador que nunca foi tal, é un nome de referencia da cultura e do galeguismo das últimas décadas.

Alá foi Xosé Fernández Ferreiro e a RAG quedou orfa de Ourense. Sen ninguén que mire por nós, logo da renuncia de Xosé Luis Méndez Ferrín hai uns anos, e con pouco máis que algunha presenza nos académicos correspondentes. A forza de ser xustos compre dicir que contamos cun representante «por poderes» na presidencia, ao saber Alonso Montero de vendimas, loitas e romarías na súa condición de fillo de ribeiraos.

Dende a premisa certa que a Academia non é un espazo de representación territorial, tal que o Congreo ou o Parlamento de Galicia, e que se supón que a RAG vai escollendo a profesionais cunha traxectoria probada e un currículo que fai do aspirante designado polos académicos un futuro membro a traballar polo idioma e a cultura galega, ben podería a institución ver de reparar se por algures hai algún ourensán -na provincia, na comunidade, na emigración ou onde sexa- que nos poda representar na institución.

E mentras o futuro vai chegando a presente, seguiremos a laiarnos de que Brais Pinto e Balbino xa non voltarán aos plenos da RAG.


Comentar