La Voz de Galicia

A MIT aposta pola memoria, o humor as mulleres e os valores emerxentes

Ribadavia

x. m. r. ourense / la voz

Ribadavia dedicará un ciclo á compañía A Panadaría e lembrará os 50 anos do colectivo Abrente

20 Jun 2023. Actualizado a las 05:15 h.

En maio de 1973 Ribadavia acollía a 1.ª Mostra de Teatro en Galego, unha iniciativa que organizaban os mozos da Agrupación Cultural Abrente. Medio século despois o proxecto que deu continuidade a aquela iniciativa daralle un protagonismo especial aos 50 anos da mostra de Abrente e á historia do teatro galego cunhas Xornadas de teatro e memoria da Transición, organizadas en colaboración co Consello da Cultura Galega. A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), que se celebrará entre os días 15 e 23 de xullo, presentouse onte na capela da Madalena e o seu director, Roberto Pascual, sinalou que o lema será Memoria, cohesión e innovación. A aposta polas compañías novas e emerxentes, o humor, a memoria, a presenza das mulleres creadoras e o protagonismo do público serán os sinais de identidade da trixésimo novena MIT. 

Hai anos que o certame da capital do Ribeiro coida de xeito especial a súa faceta internacional, e desta volta xa animará a gala inaugural. O 15 de xullo estará no auditorio do castelo a arxentina Marina Otero co seu espectáculo Fuck me. Unha montaxe que na súa xira europea terá presenza en catro escenarios: Viena, París, Copenhague e Ribadavia. Para a clausura, o 23 de xullo, contarase coa estrea de O auto do Castromil, dirixida por Quico Cadaval. Será o terceiro proxecto do concurso convocado pola Fundación Manuel María e a primeira representación faise no festival en base ao convenio de colaboración entre a MIT e a entidade que xestiona o legado do escritor. Autor que, como lembrou Roberto Pascual, tivo unha estreita relación coa mostra e foi o gañador da primeira convocatoria do premio Abrente de teatro —ex aequo con Euloxio Ruibal—. Na montaxe participan Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. 

O programa da Mostra deste ano contará cunha importante presenza de mulleres creadoras e pola capital do Ribeiro pasarán Gena Baamonde, Alessandra García, Ana Vallés, Eva Redondo, Ana Contreras, Las Huecas, Elahood, Brigitte Vasallo e A Panadaría.

Alessandra García estará o día 16 no castelo coa súa montaxe Mujer en cinta de correr sobre fondo negro, peza que lle foi recoñecida con premios como o Ojo Crítico de RNE, o de mellor actriz nos Ateneo e o Max revelación. 

O humor e a comedia estarán presentes na oferta da Mostra que dende hai 50 anos se celebra na capital do teatro de Galicia. Será, segundo sinalou Roberto Pascual na presentación da programación, «un humor profundo, intelixente e crítico», enmarcando nesa liña a produción de Teatro del Barrio que fai unha incursión na memoria da Transición. O grupo estará en Ribadavia coa súa montaxe Homenaje a Billy el Niño, proposta entre o documentalismo e a sátira musical que lembra como en 1977 o ministro Martín Villa lle concedeu a medalla ao mérito policial a un dos máis sanguinarios torturadores da represión franquista: Antonio González Pacheco, coñecido como Billy el Niño. 

Última cita con «Elisa e Marcela»

A Panadaría cumpre os seus dez anos de historia e dende a MIT celebrarán esa circunstancia dándolle un especial protagonismo á emerxente compañía galega. A igrexa da Madalena acollerá a derradeira función da súa montaxe Elisa e Marcela (21) e no Auditorio de Ribadavia estarán un día antes coa súa obra As que limpan

Un dos aspectos novidosos do programa deste ano é a recuperación das sesións golfas, propostas de madrugada para desfrutar do ambiente do verán e do casco histórico da vila. A primeira das iniciativas será o día de apertura e correrá a cargo do pallaso galego Roi Borrallas e o seu espectáculo Solo. 

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia manterá a tradición dos coloquios no Museo Sefardí de Galicia despois das obras da noite e as actividades formativas. Neste apartado contarase coa presenza de Rui Paixão e Eva Redondo. Haberá ademais residencias artísticas, presentacións, premios e un documental sobre a historia do proxecto.

A MIT foi presentada polo seu director, o conselleiro de Cultura Román Rodríguez, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil. Toda a información está na web www.mitribadavia.gal.


Comentar