A Festa do pan de Cea agarda vender máis de 2.500 pezas
San Cristovo de Cea
O Campo da Saleta acollerá as actividades o próximo domingo, día 2 de xullo
28 Jun 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Cea é coñecida por dous sinais de identidade cos que se asocia ao municipio: o mosteiro de Oseira e o pan artesán que se elabora nos seus fornos. Dende hai anos o Concello promove a Festa do pan de Cea e este domingo, día 2 de xullo, a cita volverá a desenvolverse no Campo da Saleta. O programa de actividades foi presentado polo alcalde, José Luis Valladares; o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e o responsable da IXP Pan de Cea, Carlos Rodríguez. O domingo comezará a actividade ás dez da mañá, coa música da Charanga CLK, e para as doce está prevista a recepción de autoridades. De seguido inaugurarase a mostra «Camiño a Santiago», de Acisco Manzano, no multifuncional que está xunto ao Campo da Saleta. Marcial Mouzo, da Radio Galega, pronunciará o pregón á unha e media da tarde e —logo dunha degustación de produtos galegos de calidade— unha hora despois comezará o xantar oficial. No mesmo está prevista a participación dunhas catrocentas persoas e as previsións dos organizadores da Festa do pan de Cea pasan por vender 2.500 pezas o domingo.
Ruta dos fornos o sábado
Hai uns anos que se creou a Ruta dos fornos, e a mesma ten cada vez máis demanda. A partir das seis e media da tarde poderanse visitar sete e gozar das experiencias gastronómicas que se ofrecerán en cada un deles.