La Voz de Galicia

Rubén Veloso Carnero: «Queremos que todo saia á luz»

Verín

mar gil ourense / la voz

Os alumnos deste mestre de Verín son os protagonistas dun programa pioneiro fronte ao acoso escolar

23 Dec 2016. Actualizado a las 18:06 h.

Estudou Musicoloxía en Oviedo e exerce como profesor de Música no instituto verinés Taboada Chivite, aínda que as súas raíces están en Xinzo de Limia, onde naceu en 1979. Rubén Veloso Carnero e o seu compañeiro Aníbal Barreira Rodríguez coordinan o proxecto Titorías entre Iguais (TEI), que busca a prevención do acoso escolar.

-¿Como está sendo esta primeira etapa?

-O día 5 foi a adxudicación de parellas de alumnos cun titor de 3º ou 4º da ESO e un titorando, de 1º, que forman un equipo entre eles para que desde o primeirísimo momento se poidan coñecer posibles situacións de acoso ou xermes desas situacións. É máis fácil que un rapaz se confíe a un compañeiro que a un adulto. A primeira impresión, de momento, é todo moi positivo, aínda que xurdiron dúbidas.

-¿Que lles preocupa?

-Algún veu dicindo que o molesta un alumno pero, como é veciño do titor, ten medo que non arranxe o problema. Esas dúbidas o que che fan ver é que os rapaces están involucrados e que o están tomando en serio. Entre eles xa están resolvendo problemas. Graves non teñen xurdido. A nós chegarannos cando non o dean resolto eles sós.

-¿Percíbense cambios no conxunto do centro?

-Realmente isto comezou fai xa un par de anos, cando desde o equipo directivo empezamos a pensar como mellorar o clima, que non é malo, pero sempre se pode mellorar. Temos moitos alumnos inmigrantes e de etnia xitana, a crise aquí pegou duro... Pensamos como mellorar o clima para que, mellorando o clima, melloren tamén os resultados académicos. Vimos o programa TEI e fixemos un curso de formación.

-¿Hai implicación?

-O equipo TEI somos 13 profesores implicados en facer as tarefas, como unha titoría todos os luns para traballar cos alumnos, pero o programa foi aceptado polo 100% do claustro. Temos a sorte de ter un claustro moi implicado nestes temas e iso é importante porque, se non se cre nel, isto non funciona.

-¿Participan centros doutros niveis educativos?

-O colexio Princesa de España ten tamén TEI, comezamos isto xuntos. Eles teñen moitos alumnos xitanos, que despois pasan ao instituto. Unha vez ao trimestre temos unha reunión con eles e co colexio Amaro Refojo, que esperamos que tamén se apunte ao programa. O alcalde comprometeuse a ter unha reunión con todos os centros, públicos e privados, para favorecer que participen porque é máis fácil traballar con eles desde primaria, que cheguen ao instituto xa cunha dinámica.

-¿Hai problemas entre etnias?

-Problemas de convivencia non hai, non hai unha distinción entre os comportamentos de uns e outros. O problema que hai cos xitanos é o absentismo, aínda que aquí está bastante atenuado grazas a Asuntos Sociais, Pensabamos ter problemas co TEI por mesturar paios e xitanos pero non houbo ningún problema, ningún.

-¿Cales son as claves do TEI?

-Que a solución é por parte dos alumnos, e tamén a responsabilidade. Agora hai moita sobreprotección e esta é a primeira vez que a algúns alumnos se lles dá unha responsabilidade. Así séntense parte do centro e así, agora, non vale mirar cara á outro lado. O dos espectadores que se fala nos casos de acoso xa non vale, agora todos son protagonistas e responsables. Sexa ou non o teu titorando, tes que ir alí se ves que alguén está chorando, por exemplo, ou tes que avisar ao seu titor. Establécese unha rede que non deixa que pase nada.

-Soa optimista.

-Creo que imos conseguir outra maneira de resolver os conflitos, co diálogo e entre os alumnos. Non tapar as cousas é importante, queremos que todo saia á luz. O titor ten que buscar a verdade cando recibe a queixa do seu titorando, pero o importante é resolver os problemas falando.

-Saben escoitar?

-Igual que aos adultos, cústalles. Hai que ensinarlles, nunca a nós nos ensinaron estas cousas, pero cousas como empatía, escoitar... unha vez que llo explicas, fano moito antes que os adultos. Para eles, pórse na pel do seu compañeiro é fácil; a un profe cústalle máis entender como se sente un rapaz se, por exemplo, lle collen un bolígrafo.

TEI. O programa Titoría entre Iguais busca a complicidade e a protección entre os alumnos para detectar actitudes que poidan derivar en acoso no futuro. Cada alumno menor ten un titor de máis idade. Os conflitos deben resolverse entre eles.


Comentar