La Voz de Galicia

O Caníbal

Verín

Xosé Carlos Caneiro

16 Dec 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Unha tarde apareceu no bar Chaves. Cabelo curto, complexión robusta, andar sereno. Levaba un salchichón na man. É un dos acontecementos que lembran os máis vellos de Verín. Quizá porque algún dos clientes que estaban no bar, seis ou sete, dedicáronse a contar aquí e alá. Aurelio, pelo curto e corpo ancho, era un dos personaxes que nunca poderemos esquecer. Levantaba pedras fronte ao colexio dos Mercedarios. Era un espectáculo contemplalo. Se daquela houbese na televisión algún programa talent show, Aurelio estaría presente. Non había peso que puidese resistir o seu vigor descomunal. Era tanta a forza, e tanta a fama que acadou, que algunha vez apoiaba o seu ombreiro no recanto dun edificio. Engurraba o ceño. Tensaba a musculatura. «Que fas, Aurelio?», preguntaban os transeúntes. El dicía que estaba empuxando para que o edifico non caese. Un portento. Non deixaba de darlle voltas ao cavilar, pensar e pensar, días e noites de insomnio. O Mariló contoume que se encontrou con el unha mañá de decembro, hai corenta anos. Camiñaba ás présas, medio perdido. «Que pasa, Aurelio?», preguntou o Paco Mariló. El contestou: «Durmín nunha palleira e cambiáronme a cabeza». Porén, ese non foi o seu episodio máis memorable. Sucedeu, como dixen arriba, no bar Chaves. O Aurelio levaba un salchichón na man. Sentou. Bocado a bocado ía consumindo a peza, pesada, longa como un brazo. O Suso saíu da barra cun prato na man. Un coitelo. «Aurelio, hai que comer con xeito, educadamente». O Aurelio mirouno. Non falou. Houbo un momento en que parou. O Suso serviulle un tinto. Colleu o coitelo. Mirou ao Suso. Seguiu comendo o salchichón con furia. Dende aquela, chamáronlle o Caníbal.


Comentar