La Voz de Galicia

Alí Babá

Verín

Xosé Carlos Caneiro

25 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Albarellos, no concello de Monterrei, é lugar marabilloso. Situado no val, dirección oeste, contempla o castelo como un Neptuno saíndo do mar da montaña. En xullo organizan con esmero unha cea popular: paella. Un sábado antes do Santiago. E a Albarellos fomos coa prima Luisa e o primo Gerardo para celebrar por adiantado a festa de hoxe: o Día de Galicia. O Gerardo estaba inspirado. Contou, segundo el, un caso famoso no hospital de Verín: a visita ao urólogo dun coñecido camioneiro. Ordena o médico: «Baixe o pantalón, mans na parede, abra as pernas». O ruído dunha luva de goma (azul) ás costas do paciente. O paciente berra, alterado, cos ollos acendidos: «Que vai facer vostede!». Saíu como un foguete da consulta. O Gerardo ría a gargalladas. Non puido acabar a paella. E menos cando dixo que ían montar en Verín un «Alí Babá». Pensei que se trataba dunha tenda de comercio electrónico (Alibaba Group). Trabuqueime. Era un kebab. Pero o Gerardo chama ás cousas como lle peta. Seguiron as risas. Xa coa bica contou que no paseo matutino encontra varios obxectos. A súa fama traspasou fronteiras. Unha señora portuguesa preguntoulle: «Perdín un reloxo de moito valor, non o atoparía?». O Gerardo, serio, contestou: «Reloxo non, pero teño unhas chaves e uns lentes para o sol». Ela mirouno estrañada pola resposta. Marchou. Nunca apareceu o reloxo. Porén, a xente segue preguntando ao Gerardo polos seus achados. O último que encontrou foi unha caixa de luvas de goma, azuis, desas que se usan na sanidade. «O camioneiro, perdeunas o camioneiro!», berraba só en medio do camiño, rindo como un tolo. Parecía cousa dun mago. Ou de Alí Babá. Porque o Gerardo chama ás cousas como lle peta.


Comentar