La Voz de Galicia

Vergonzas

Vilamartín de Valdeorras

María Cobas
Así está el acceso al pueblo de San Vicente de Leira en Vilamartín

Catorce anos atrás chamáronme a atención as estradas de Valdeorras. Catorce anos despois a situación non mudou

13 Apr 2022. Actualizado a las 11:03 h.

Cando hai xa 14 anos cheguei a esta provincia unha das cousas que máis me chamou a atención foi o estado das estradas. Que para chegar á capital provincial desde Valdeorras haxa que afrontar unha N-120 chea de fochancas con un lote de quilómetros nos que é imposible adiantar. Que para ir traballar á canteira, varios miles de traballadores suban cada día por unha estrada que en moitos tramos só ten os dous carrís e despois, nin cuneta nin varanda, só terraplén. Que para visitar algunhas aldeas en inverno sexa imprescindible ter un todoterreo porque o traballo dos quitaneves non dá feito... ou non chega. Foron cousas que me chamaron a atención, non para ben claro, senón porque evidenciaron o que en Valdeorras din moitas veces con resignación: estamos lonxe e ninguén se preocupa de nós. Exemplos hai uns cuantos, pero se algo é xa para abrir a boca e non pechala nunca máis é a situación da estrada de San Vicente de Leira (en Vilamartín). Hai que ir dúas décadas atrás para chegar ao punto no que a Deputación decidiu colocar un sinal de estrada cortada, porque se afundía. Esa era a situación fai 14 anos. E tamén a de hoxe. Facendo bo iso de que vinte anos non son nada, velaí seguen as mesmas malas comunicacións para ir a Ourense (a A-76 só deu para titulares), para subir a Trevinca ou para chegar a San Vicente. En Valdeorras o único que se fai para mellorar as estradas é cando se acercan as eleccións, que entón si que todas as administracións tolean e botan chapapote ata nas leiras. Como se ese encolado negro tapara todo o que non levan feito en anos. Somos 14 anos máis vellos, non 14 anos máis bobos.


Comentar