Unha publicación anova os estudos sobre a fronteira galego-portuguesa
Vilardevós
Varios traballos analizan a relación entre os pobos da raia seca ourensá
15 Feb 2015. Actualizado a las 05:00 h.
Promovido polo Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega, desenvolvíase entre novembro e decembro do 2013 un simposio multidisciplinar centrado na fronteira entre Galicia e Portugal. O obxectivo era crear novos coñecementos sobre un espazo que ten sido obxecto de estudo dende sempre.
A convocatoria fíxose coincidir no tempo con dúas efemérides que non tiveron un especial protagonismo: o 75 aniversario da publicación do traballo de Hans Schneider sobre o galego raiano na Limia Baixa -«unha das obras pioneiras da dialectolía galega e de referencia obrigada aínda hoxe», segundo figura na publicación do congreso- e o 150 aniversario da fixación definitiva do trazado «da raia seca entre Galiza e Portugal -vencellada ao Tratado de Límites asinado en Lisboa en 1864-».
Os traballos daquela cita aparecen recollidos agora no libro Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa, unha publicación que conta con Xulio Sousa, Rosario Álvarez e Marta Negro como editores. Entre os contidos figuran varias aportacións centradas na raia seca ourensá.
Luís García Mañá fai un percorrido histórico pola fronteira, incidindo nos avances e retrocesos que foi sufrindo a mesma dende que nace Portugal como reino independente no século XII. A realidade do Couto Mixto e dos chamados pobos promiscuos, o traballo da Comisión de Lindes ou a falta de acordo entre veciños pola pertenza a un país ou ao outro, centran o seu estudo.
Pola súa banda a antropóloga Paula Godinho examina os documentos preparatorios do Tratado de Límites e a resistencia á aplicación do mesmo. Para desenvolver a súa investigación centrouse na análise dun tramo da fronterira situado entre aldeas do concello portugués de Chaves e o ourensán de Vilardevós. Constata Godinho que «a distancia entre a lexislación e as necesidades locais era inconmensurable, o que leva á poboación rural a converterse en dinamitadora da orde social debido ás alteracións sufridas no seu modo de vida coa nova demarcación territorial».
A lingua e a identidade como eixe das investigacións
A publicación inclúe un amplo apartado, son seis traballos, centrado no campo da variación lingüística. Soraya Suárez e Irene Santos asinan un desenvolvido na raia seca «coa finalidade de coñecer a percepción identitaria e lingüística dos galegos que viven preto desta zona fronteiriza». As autoras salientan a avaliación positiva sobre a fala local e como empregan «esta variedade como forma de identificación e contraste con respecto da variedade falada polos portugueses».
Na súa aportación, Elisa Fernández Rei, Lurdes de Castro Mourinho e Rosa Lídia Coimbra analizan se a fronteira Galicia-Portugal «constitúe tamén unha fronteira prosódica entre galego e portugués» e as investigadoras Rosa Mouzo Villar e Carolina Pérez Capelo participan na publicación cunha aproximación xeolingüística ao territorio que abranguen as provincias de Ourense e Pontevedra e a rexión norte de Portugal, incluindo entre outros aspectos datos sobre a «gheada» ou as variantes léxicas.