La Voz de Galicia

Repique de campás

Pontevedra

Chelo Lago

A asociación Cultural Os Chichisos levan as súas xornadas de campaneiros ata Pazos de Borbén

01 Sep 2009. Actualizado a las 02:00 h.

Por terceiro ano consecutivo, a Asociación pontevedresa Os Chichisos celebra as súas xornadas de campás e campaneiros, que este ano serán na igrexa parroquial de Pazos de Borbén. A data de celebración será o vindeiro 19 de setembro e como sempre, o seu obxectivo e dar a coñecer o patrimonio sonoro, cunha demostración de todos os toques tradicionais deses instrumentos, que non hai moito, avisaban de acontecementos sociais, relixiosos e mesmo de perigos e catástrofes nas zonas rurais.

Trátase dunha actividade aberta a tódolos públicos, que Os Chichisos, que traballa fundamentalmente no eido da música tradicional, organiza, coa colaboración do párroco de Pazos de Borbén, e dos campaneiros Lino Míguez e Andrés Ferreira, do citado Concello.

As actividades, que comezarán ás 17 horas cun repique de campás que servirá de aviso aos participantes, inclúen a presentación do libro Campas e campaneiros, por parte do seu autor, o etnógrafo Xerardo Dasairas. Publicado pola editorial Ir Indo, ao longo de toda a obra amósase a importancia que durante séculos tiveron as campás, desde as das torres catedralicias ata as humildes espadanas das igrexas rurais, sen esquecerse tampouco das dos reloxos das casas dos concellos polas que se rexían os veciños da poboación.

Voz familiar

O seu tanxer era unha voz familiar que todos entendían pois anunciaban unha misa, un funeral, un nacemento, incendio ou tronada. E ese coñecemento e o que pretende divulgar a asociación Os Chichisos.

A demostración dos diferentes sinais e toques de campás, a cargo de Lino Míguez e Andrés Ferreiro, campaneiros de Pazos de Borbén, será ás 17.30 horas. E logo, abrirase a quenda para outros campaneiros, que farán repiques de diferentes zonas e lugares. Xa logo, serán todos os asistentes os que farán soar as campás, nunha sesión de prácticas.

Para rematar, actuará o grupo de música tradicional Os Chichisos, organizador das xornadas.

Os interesados poden solicitar máis información no teléfono 676 842 942.

Ademáis, todos os toques que se fagan durante esta xornada serán gravados polo colectivo escoitar.org.

Nas primeiras xornadas de campás e campaneiros, celebradas no ano 2007, foi Gervasio González, campaneiro de Tomeza, o encargado de amosar os seus toques, e na segunda edición celebrada o ano pasado os mestres foron os especialistas Elías Darriba, Juan Manuel Darriba e Juan Carlos Pereira, campaneiros da Ínsua, no Concello de Ponte Caldelas, quen tocaran as campás.

Nos últimos tempos, os campaneiros son substituídos por aparellos electrónicos que tanxen as campás, perdéndose un oficio tradicional.


Comentar