O incorformismo e a paixón de Ses
Pontevedra
A cantante e compositora galega presenta este sábado no Pazo o seu cuarto disco «Opoñerse a extinción»
10 Feb 2017. Actualizado a las 05:00 h.
Ela mesma define así o seu novo albume: «O título Opoñerse á extinción é a síntese da actitute que amosa o disco. A honestidade, a lucidez e tamén a rabia de sabernos en vías de desaparición inminente e inxusta, mais coa forza, o orgullo e o vitalismo de quen non asume o autoodio que tentan inculcarlle». E engade, «creo que é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor».
María Xosé Silvar, Ses, recala esta fin de semana no Pazo da Cultura rebosante de enerxía con once temas que arrecenden á cantora bergantiñana en cada acorde. «O seu é pura forza, inconformismo e paixón e segue a liña do seu inconfundible estilo, o que a levou a converterse nunha das artistas máis relevantes do país nos últimos anos e nun auténtico fenómeno social que non deixa de medrar», como aseguran os seus máis ferventes seguidores e a crítica especializada.
A propia Ses insiste en que este novo traballo continúa a liña dos discos anteriores, cunha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior.
Como compositora vai medrando, ainda que sigue a tratar os temas de sempre: o amor en todas as súas versións, sen esquecer un tema clave da súa personalidade como artista, a denuncia social.
O concerto deste sábado no Pazo da Cultura, previsto paras as 21 horas, forma parte da xira de presentación de Opoñerse á extinción, que xa interpretou con grande éxito na maioría das cidades de Galicia e que tamén a levará a Madrid e Bilbao.
As entradas poden adquirirse nos canales de Ataquilla e Ticketea.