«Ningunha das catro illas podería facer nada sen as outras, son un conxunto»
Pontevedra
Ana María Díaz di que o Parque Nacional é a xoia ecolóxica de Galicia, unha contribución única á biodiversidade mariña e terrestre
05 Aug 2018. Actualizado a las 05:00 h.
Ons, Cíes, Sálvora e Cortegada conforman o único Parque Nacional que existe en Galicia: Illas Atlánticas.
-¿Por que foi necesario crealo e por que para estas illas das Rías Baixas?
-A figura do Parque Nacional é a máis alta de protección medioambiental que existe. Só temos 17 parques nacionais en España. Esta cualificación só se concede cando o espazo a protexer ten uns valores ambientais o suficientemente altos e os ecosistemas son sensibles como para ter que protexelos. As catro illas cumprían todos estes requisitos. É dicir, teñen uns valores ambientais importantísimos e, por outra parte, tamén uns ecosistemas sensibles que fan que os teñamos que dotar da maior garantía posible. Foi unha decisión que se adopta polo Consello de Ministros e que cremos que foi absolutamente acertada porque son un paraíso natural que todos temos a obriga de preservar e gardar para o futuro.
-¿Cales son os valores que vostede destacaría de cada unha destas illas?
-As catro forman un complexo extraordinariamente rico. Se comezamos pola máis pequena, que é Cortegada, ofrece unha ruta circular que ademais se pode facer en dúas horas e uns bosques de loureiros e mediterráneo absolutamente extraordinarios. A illa de Sálvora, que ademais recentemente foi declarada ben de interese cultural polo Goberno galego, destaca por eses valores, coa súa capela, por exemplo. En Sálvora fíxose un proxecto de integración moi importante dirixido polo arquitecto César Portela que lle confire uns valores culturais únicos. A illa de Ons é unha autentica marabilla desde o punto de vista dos ecosistemas naturais. E logo, á cabeza, Cíes, que alberga valores desde o punto de vista da fauna e uns fondos de maërl que ten todo o arquipélago. Ou, por exemplo, especies como o cormorán moñudo, que ademais é o símbolo do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas. Eu sempre digo que ningunha das catro illas podía facer nada sen as outras tres e forman un conxunto extraordinario e excepcional. Podemos encontrar especies practicamente en perigo de extinción, tanto de flora como de fauna, ou valores culturais que as fan únicas no mundo. E por todo iso o goberno da Xunta de Galicia promoveu a súa candidatura a ser Patrimonio da Humanidade.
-¿Que medidas se toman desde a Xunta para poder preservar esta gran variedade tanto ecolóxica como paisaxística das illas?
-O mero feito de ser declarado Parque Nacional xa leva unhas medidas intrínsecas de protección. Nós no momento en que se declarou elaboramos un plan de recursos naturais, onde o parque se zonifica porque non todo o ámbito merece igual protección. Hai zonas onde está absolutamente prohibido o acceso, noutras é moderado e noutras xeral. Agora estamos inmersos xa nunha aprobación, que cremos que será definitiva en outono, do Plan Reitor de Usos e Xestión. A fin de contas, o que se persigue é determinar que actividades son perfectamente compatibles coa preservación deses valores e cales deben estar prohibidas. Por exemplo, no PRUX contemplamos que hai determinadas actividades con respecto aos fondos de maërl das illas Cíes, onde se pode navegar en lámina, pero sen embargo, non se pode facer extracción de recursos nin bucear, polo dano que se causaría. Cando falamos dun Parque Nacional de tanta importancia hai que ser coherentes coas medidas de protección.
«Son un paraíso natural que todos temos a obriga de preservar e gardar para o futuro»
O número de visitantes é elevado no verán e non todos saben como comportarse cando desembarcan nun espazo como son Cíes ou Ons.
-¿Que debe ter en conta un visitante que acode ás illas?
-O primeiro que ten que facer é darse conta de que está visitando un Parque Nacional. E polo tanto ten que ter en conta unha serie de regras mínimas de comportamento como ser respectuoso co medio ambiente. Iso implica ser moi coidadoso cos residuos. Aos visitantes se lles entrega unha bolsa para que poidan poñer alí o seu lixo. As praias son libres de cabichas. Non se poden arrancar plantas como se queira. Non se pode molestar aos animais. Polo tanto, o máis importante é que se conciencie de que está visitando un Parque Nacional que temos que preservar para o futuro. E polo tanto ten que ser respectuoso con esas regras e non realizar actividades que nese plan reitor estean prohibidas. E no caso de Cíes respectar os cupos máximos que hai cada día.
-Á hora de falar deses cupos, ¿como se evita a masificación?
-Cíes xa o ten e Ons terá cupo cando se aprobe o PRUX. Non se pode permitir que as illas morran de éxito. Somos especialmente vixiantes do control deses visitantes.
-As especies invasoras están causando bastante problemas na costa. ¿Como se actúa nas Illas Atlánticas?
-Temos unha estratexia de eliminación de especies invasoras. Realizamos actuacións ao longo de todo o ano para eliminar as especies invasoras que poidan alterar os ecosistemas ou a biodiversidade como o visón americano ou o gato doméstico, e plantas como a cortaderia. En todos os espazos de Rede Natura hai que ter coidado para evitar a súa proliferación e nun Parque Nacional aínda máis.
-¿Como de limpas están as augas do parque?
-Están razoablemente limpas. É certo que temos que seguir facendo un labor de concienciación moi importante, que enlaza coa pregunta anterior de que deben facer os visitantes, que é ser absolutamente responsables, a pé e tamén nas embarcacións onde se permitan os fondeos. É moi importante porque moitos destes ecosistemas só poden vivir en augas limpas. Hai que recordar que o 85 % da superficie de Illas Atlánticas é mariña.